Xan Carballal, Premio da Crítica de Galicia en Música: «Esta é unha profesión preciosa»

«É un espaldarazo á traxectoria», confesa tras ser merecedor do galardón galego


VIVEIRO / LA VOZ

Por razóns persoais, non puido asistir á entrega dos XLII Premios da Crítica de Galicia, que gañou no apartado de música que para Xan Carballal (Lugo, 1959) foi unha gran satisfacción. «Foi unha lástima non haber estado, a verdade é que o sentín bastante», sinala ao inicio da conversa.

-Que supón este premio?

-É un espaldarazo á traxectoria. Gustoume en especial que mo deran «por facer a divulgación da música clásica no medio rural». Moitas veces estamos como un pouco apartados dos grandes centros, onde hai un mellor acceso e máis grande a toda esta cultura musical. Lembro aquela anécdota que tiven cando cheguei a Xove en febreiro do 86 e empecei a falarlles aos rapaces do colexio do que era un cuarteto de corda, unha orquestra, que un violín era un instrumento de corda e levaba un arco... e todos entusiasmáronse: ‘Anda, que ben! Un arco coma o dos indios¡’. ‘Non exactamente’, lles dixen. Aos nenos saíulles do corazón, pensaban que ían xogar aos indios (ri). A partir daquela púxenme a traballar e un feito moi importante foi cando Xulia [Nogueira] me apoiou dende o principio para que isto se levara a cabo. Vimos que á xente lle gustaba ese mundo artístico, coñecer aos grandes clásicos, divulgar, espertar esas sensibilidades que a veces están adormecidas por esta música comercial que nos apabulla...

-Está pensando no reggaetón?

-(Sorrí) Por exemplo. Pero non quería falar estilos, porque me gustan outros aparte do clásico. Falo de ser críticos, pensar e reflexionar sobre a calidade musical e o que é o mundo da música artística e como se desenvolve todo iso, dende os cursos de Semana Santa de Xove onde empezaron a vir músicos do leste. Tantos alumnos que pasaron por aí e son agora eles os encargados de levar eses cursos adiante. Tamén, sempre tiven unha cousa clara: nunca podes baixar a garda e que hai que seguir traballando coas futuras xeracións do mesmo xeito. Tes que estar aí, sentindo que os rapaces queren aprender e que supón un esforzo porque estás inculcando valores como solidariedade, compromiso, honestidade, respecto... É bonito, esta é unha profesión preciosa.

-Cal é o mellor regalo dela?

-A amizade cos compañeiros e cos alumnos que ves medrar dende os 8 anos e que ao enterarse do premio te seguen chamando para felicitarte e se acordan de ti. Somos unha gran familia.

-Proxectos en marcha.

-Intentamos retomar o intercambio con Alemaña e conseguir apoios para formar unha orquestra xove da provincia de Lugo, como hai noutras provincias, e que vemos como algo moi necesario para os rapaces e as rapazas.

 Traxectoria

Comezou de director da Escola Municipal de Música de Xove cando se creou e de profesor no Conservatorio de Aguiño (onde coñeceu ao subdirector Don Camilo, con admiración mutua). Tamén estivo no Conservatorio de Viveiro. Agora dirixe a Orquesta Clásica de Xove, a Escola Municipal de Música de Burela e a de Mondoñedo O Pallarego.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xan Carballal, Premio da Crítica de Galicia en Música: «Esta é unha profesión preciosa»