O novo curso

A MARIÑA

10 sep 2019 . Actualizado a las 22:20 h.

Estes días, na cidade, repítese a estampa recorrente dos comezos de curso, a ladaíña dos albores do outono, o rito de todos os setembros: ringleiras de nenos con mochilas novas, tránsito de autobuses dende as paradas ata as escolas… e miles de veces volverase repetir a consabida pregunta: «E tes ganas de volver ao cole?».

Curiosamente, aínda que nos últimos anos se vén incidindo na necesidade de centrar o sistema educativo no estudante, poucas veces, nos debates, se fai énfase na vivencia que os nenos e nenas teñen da escola. Que a educación pasase de estar restrinxida a unha elite a se converter nun dereito inalienable (nunha obriga) levou a que, de ser vivida como un privilexio, pasase, en moitos casos, a sufrirse como unha condena. Dos cativos de aldea que camiñaban con ledicia varios quilómetros para iren ao colexio os días nos que iso era posible, pasamos, case de súpeto, aos mozos e mozas que viven hoxe a asistencia á escola como unha obriga pesada, un xugo que a miúdo se prolonga en comedores e actividades ata esgotaren o día.

Pensamos moito (quizais demasiado) na conexión entre educación e inserción laboral e isto estanos levando a unha vivencia instrumentalizada da aprendizaxe. A vinculación da escola coa curiosidade natural dos primeiros anos da vida perde terreo fronte a unha concepción competitiva na que, por necesidade, unha parte da poboación remata no fracaso e a frustración. Se a iso sumamos as tensións que toda convivencia de grupo provoca, temos os elementos necesarios para comprendermos como vive os anos de educación unha parte non desprezable do alumnado. Velaquí, pois, o reto compartido polas familias e os docentes para este novo curso que comeza: unha vivencia ilusionada e gratificante da aprendizaxe, o que nunca debe deixar de ser.