Viaxe do pasado ao presente polas tabernas viveiresas

Vicente Míguez, Seminario de Estudos Terra de Viveiro SEMINARIO ESTUDOS TERRA DE VIVEIRO

A MARIÑA

MIGUEL SANDE

Carlos Nuevo presenta este luns o libro «Cafetarías, tabernas, ultramarinos e bares de Viveiro»

10 ago 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

O cineasta Luis Buñuel, nas súas memorias (Mi último suspiro), declárase acérrimo seareiro do bo metílico, «yo, en los placeres de aquí abajo, pongo en lo más alto el vino, especialmente, el tinto. He pasado en los bares horas deliciosas, y en los cafés, largos ratos de ensueño. ¿Se podría imaginar París sin sus cafés, sus maravillosas terrazas, o sin sus estancos? Sería como vivir en una ciudad devastada por una explosión atómica». A Buñuel, que non era precisamente un escaparate de virtudes, non se lle pode negar honestidade na Vía láctea dos seus gozos mundanos, «debo consagrar dos páginas a mi bebida favorita, el dry-martini».

 

 

Serían innúmeras as referencias de persoeiros que foron recrutados máis pola bodega que polo cuartel.

Sucede que a presenza do viño ten un valor universal como vínculo de relacións humanas. Constátase nas relixións: na civilización de Grecia adoraban a Dionisios, Baco na de Roma, deus de tintos e claretes, e nos evanxeos contan o primeiro milagre, nas vodas de Caná, co fillo dun carpinteiro convertendo a auga en viño.

Mesmo, considéranse a orixe da literatura española aqueles versos de Gonzalo de Berceo no século XIII, un texto que amósanos a relevancia do viño, que trascende á língua: «Quiero fer una prosa en román paladino,/ En qual suele el pueblo fablar a su vecino,/ Ca non so tan letrado por fer otro latino:/ Bien valdrá, como creo, un vaso de bon vino».

 

O viño, de vital importancia

De igual xeito, amósasenos a importancia da uva na economía. Xa no século XVI o Licenciado Molina na súa obra Descripción del Reyno de Galicia definiu Celeiro: «Y luego otro (puerto) que le dizen Zellero, que son mellores de vino en la tierra que de pesca en la mar».

 

De vital importancia ten sido o viño dende os séculos XIV ao XIX en todo o val do Landrove, un tempo en que o tecido económico trataba de emparrados e viñedos, de azumes, onzas, netos, cuartillos, arrobas, pipas ou toneleiros; de vendimas, colleitas, adegas… até que as pragas do oídio e da filoxera remataron coas cepas e con aquel medio de vida.

Este luns 12 de agosto o cronista oficial de Viveiro e presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, achéganos unha xoia cultural, froito dun arduo labor de investigación na historia e antropoloxía das nosas xentes relacionadas co sector vitivinícola, cun roteiro polas rúas e a paisanaxe das parroquias de Santa María do Campo e de Santiago de Viveiro. A presentación do libro será no Conservatorio de Viveiro, ás oito e media da tarde. Non se inclúen nas súas páxinas os pubs, pastelarías nin churrerías, a pesar de que nestes establecementos despachábanse tamén alcoles. Sen dúbida, é un tema que ben dará para outro traballo…

Con esta obra o Seminario de Estudos Terra de Viveiro completa o tratado sobre o viño e as tabernas do noso municipio, unha achega singular que iniciaba en 2017 coa publicación de Tabernas. Parroquias de Viveiro, da autoría de Andrés Díaz Ferro e Vicente Míguez, directivos do colectivo antedito.

 

No libro que agora podemos ler, , o autor apórtanos un estudo de todos estes comercios ao longo dos séculos XIX e XX, e que abrangue a actualidade, un fondo labor de esculca e investigación que vai robustecer o patrimonio da cultura viveiresa. Carlos Nuevo ilustra con 206 fotos -algunhas imaxes, tesouros de estampa- e sobre todo con textos, unha auténtica viaxe ao pasado.

 

 

Un Viveiro que se foi

O libro é testemuña dun Viveiro que se foi. Pero, como en calquera vila realenga que se prece, quédanos o cronista, a memoria dos nosos devanceiros. A publicación é tamén un acto de xustiza con tod@s @s protagonistas da nosa historia, tanta xente que procurounos un mundo mellor. Nestes tempos de indixencia, coa tropa civil acantonada nas redes insociais, ser cronista é combater o desnorte; a cultura sen dobrez ha de apostar á beira dos nosos sinais de identidade, para que a desmemoria non usurpe o inxente legado etnográfico dun País. Velaquí, neste libro, unha mostra.

Parabéns, lectores/as.