Viveiro do meu amor

Estíbaliz Veiga

A MARIÑA

E ste sábado 4 de maio hai tres meses xustos que volvía de Iucatán, México coa compañía Os Náufragos Teatro, dirixida por Gustavo del Río. Unha experiencia ineludible xunto a Denis Gómez e mais el. Dous grandísimos profesionais da escena, galegos afincados en Madrid dende a década do 2000. Dito así, parece que foi onte, pero hoxe veredes nesta función a loita constante daqueles que marchamos de moi rapaces da nosa «zona de confort» para cumprir cun soño artístico que pouco a pouco nos arrebatou o epicentro xeográfico, deixándonos «ao noso aire» pero sen saber moi ben a onde había que volver. As miguiñas de pan coméronas os paxariños piadores e no caso de Daniel, o protagonista interpretado por Denis Gómez, as triste goldriñas volveron aniñar no seu tellado, na súa cabeza, cando unha perda terrible ocorre. Aí coñece a Rosa, eu. Se meu avó coñecera a Rosa ía adorala, unha muller «das de antes». Sería a que botaría en contos noites enteiras limpando espigas de millo na esfollada de Celeiro. Sería a máis lista para mercar o peixe do camión que cada xoves pasaba pola aldea, as meigas, a súa especialidade. Sería a que cando parira a vaca do veciño botara a correr costa arriba para chamar aos demais e que botasen unha man para sacar o xato. Sería que acompañaría a seu pai ata a fin dos seus días, enfermo de alzhéimer, escoitando a José Ramón de la Morena no «arradio»... Esa é a miña Rosa, que vive «aspacio», que bebe «iauga» para non poñerse chispa, que pasea no monte e non lle gustan nada os «acálitros»... Esta é a historia dun Castrapo que nos trae a Viveiro da man de Lara Fernández Fernández-Noriega, edil de Cultura e que eu, persoalmente, dedicarei a meu avoíño.