«Gañar o primeiro Premio Vilar Ponte é unha honra e unha responsabilidade»

O pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez recibirá este venres o galardón no Teatro Pastor Díaz a partir das 20.30 horas


viveiro / la voz

Nada máis rematar este venres a clase no Colexio San Narciso de Marín, o escritor e profesor Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) collerá o coche e poñerá rumbo a Viveiro, onde na tardiña (20.30 horas, Teatro Pastor Díaz), recibirá o Primeiro Premio de Novela Vilar Ponte pola obra Matar o heroe.

-Pasará á historia como o primeiro gañador dun certame que rende homenaxe a dous ilustres das letras galegas...

-En primeiro lugar, é unha honra gañar un premio que leva o nome de viveirenses tan importantes para a historia da literatura galega e para a recuperación da nosa fala como foron os Vilar Ponte. Non sei como Viveiro non ten un premio de xornalismo Vilar Ponte cando Antón foi un dos grandes xornalistas galegos de sempre, de todas as épocas. Foron uns homes que nos fixeron a todos irmáns da fala. E, en segundo lugar, supón unha responsabilidade porque son o aniñador, o que pon o primeiro ovo nun niño, dun premio que auguro e espero que teña unha continuidade.

-En que fase tiña a novela cando decidiu presentala ao premio?

-Estaba acabada, aínda que estaba coas revisións.

-Podería resumir de que trata?

-Está ambientada na Primeira Guerra Mundial e na posguerra, sobre todo en Francia, París..., e logo na Güiana francesa, nunha aldea pequena que eu invento. A novela conta a historia dun heroe de guerra que é taxidermista, dedícase a embalsamar animais e ten unhas eivas importantes como consecuencia da guerra, así que decide exiliarse nesa zona do imperio francés para conseguir pezas. Aí é onde sucede o aspecto de corruptela que ten a novela. Está escrita en primeira persoa unha parte, e outra en narrador omnisciente.

-Vaise poder ler?

-As bases do premio din que o Concello de Viveiro queda coa primeira edición e resérvase o dereito a publicala, pero un premio que non se publica ten unha eiva importante. Chamáronme de editoriais que estaban interesadas, e supoño que agora o Concello entrará en contacto con elas. Unha novela á que non pode acceder o público queda coxa de todo.

-Creo que coñece ben a zona...

-Estiven case seis meses dando clase no IES Monte Castelo, na FP de Burela, e fun moi feliz alí. Acolléronme fenomenalmente, e en Viveiro teño pasado tardes. Tamén gañei un premio de novela curta no Valadouro.

A alcaldesa invita a asistir a un acto que será presentado polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, en nome da corporación municipal e do concello que dirixe, convida a todas aquelas persoas que o desexen a asistir ao acto de entrega do Primeiro Premio de Novela Vilar Ponte, que suporá o peche desta primeira convocatoria do certame. Dará comezo este venres, a partir das 20.30, no Teatro Pastor Díaz. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

Propósito de que se consolide

«É un concurso literario que o Concello de Viveiro organizou coa pretensión de apoiar e difundir a literatura en lingua galega, co propósito de que se consolide no tempo e se converta nun premio de referencia no ámbito cultural galego», destacou a rexedora viveirense nun comunicado enviado aos medios.

A cita cultural na que se entregará a distinción ao escritor pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez será presentada por Lourenzo Fernández Prieto, historiador que naceu en Ribadeo no ano 1961, e que é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde o 2005. Actualmente é director do departamento da citada especialidade da USC, e é autor de máis dun centenar de publicacións. Entre outros, ten recibido o Premio Losada Diéguez de investigación e o Premio da Crítica de Galicia. Ademais colabora habitualmente con La Voz de Galicia.

Carlos Nuevo, Penabade e Alba Porral valoraron as 36 obras presentadas

A convocatoria do Primeiro Premio de Novela Vilar Ponte foi un éxito posto que se presentaron un total de 36 obras, como destacou o cronista oficial do Concello de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, que formou parte do xurado do certame xunto co profesor de lingua e literatura galega Bernardo Penabade e a xornalista Alba Porral, especializada no ámbito literario.

«Veleno en familia», de Rocío Leira, logrou o segundo premio

Conseguir unha radiografía social da sociedade galega actual, unida a un dinamismo narrativo proporcionado por voces corais que ofrecen distintas interpretacións dunha mesma realidade, son méritos que resaltou o xurado para conceder o segundo premio a Rocío Leira Castro pola obra Veleno en familia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Gañar o primeiro Premio Vilar Ponte é unha honra e unha responsabilidade»