Colonoscopia

Paco Rivas OPINIÓN

A MARIÑA

30 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha colonoscopia é algo así coma unha profanación, premeditada e traizoeira, daquela parte nobre da túa anatomía que, se algo non o remedia, vai ser, de seguro, profanada… Profanada de seu. E colles bastante medo. E engules saliva. E aceptas o inevitábel. E deixas facer…

Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, día «D» hora «H», os nervios a flor de pel, os miolos cansos de matinar… O doutor Abel, home de mirada limpa, transmite moita confianza. Manuela e Noelia son as olladas tranquilizadoras, as miradas que te acariñan, a voz que che dá o sosego. E aínda que tes un derradeiro pulo acochado nos miolos, por se fixer falla para fuxir, apazugas no trebello aquel en que te acougaron. Mais, de socate, sénteste profanado, con moito tento, mais profanado. Manuela e Noelia mírante e regálanche cun agradable sorriso. Anímante coa mirada.

O doutor tamén te anima e, sen querer, estás desfrutando dunha viaxe apaixoante, coma a de Colón. Pero polo colon. Un traxecto menos desacougante do que matinabas. E acalmas, e relaxas. E remata a proba, sen traumas, sen ningún trauma… Ata deixas de matinar na profanación. Si, xa non matinas. Estás relaxado. E dás as grazas… e apretas fortemente e con sentimento a man do doutor… e dáslle un par de bicos a Manuela… e a Noelia. Dous a cada unha… Ben os merecen, pensas covencido. E vaste… moi feliz. E despídeste -outra vez- dos tres cunha ollada cargada de aprecio e agradecemento. ¡Ata calquera momento! Semella dicir a miña ollada -e debúxase un sorriso na ollada de Manuela-.

Un último apunte: Os cafés págoos eu!... Ecoan os silencios.