Hai cincuenta anos París convulsionaba e os estudantes do Barrio Latino buscaban unha praia baixo o pavés.
Daquela tamén en Mondoñedo se anunciaban grandes proxectos de futuro. O alcalde, Cabanela, xestionaba a construción do Mirador nos Paredóns, sería realidade tempo despois como o sería a idea dunha nova ordenación da Praza da Catedral. Comezaba a súa andaina a rapa das bestas de Campo do Oso que aínda se mantén no calendario festivo. O Club Montañeros Celtas de Vigo con 29 espeleólogos, entre eles o mindoniense J. M. González-Redondo, inspeccionan en xuño
a Cova do Rei Cintolo para completar datos cartográficos. En agosto morre Raimundo
Aguiar, mindoniense, xuíz comarcal de Arzúa, escritor e etnógrafo, grande amigo de
Cunqueiro. Nas San Lucas o concello convoca un certame poético en galego co nome
de Aquilino Iglesia Alvariño no que premia a M. Álvarez Torneiro. Para a entrega da distinción acode a Mondoñedo o entón presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco.