A Mariña, pensando en feminino

S. CORRAL VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Pepa Losada

14 centros e outras tantas bibliotecas da Mariña únense para visibilizar a vida dende o punto de vista da muller

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

14 centros e bibliotecas da microrrede da Mariña Luguesa únense un ano máis para organizar unha serie de actividades baixo o lema «A Mariña, pensando en feminino», coas que incentivar a lectura e sobre todo dar visibilidade ao traballo da muller e ofrecer o punto de vista feminino do mundo e da vida, tamén do día a día, do cotián.

Trátase de fomentar o gusto pola lectura, de involucrar ás familias, de impulsar a colaboración das familias na promoción do libro e na formación lectora. Tamén de facer visible o papel da muller. Desde onte luns e ata o xoves haberá actividades cun punto de vista feminino, na biblioteca e na sala de usos múltiples de Concello de Viveiro. Tamén no teatro.

Guadi Galego e LAG

Onte, luns, no acto inaugural inaugurouse unha exposición; actuou o coro de alumnos dos centros escolares; continuou coa lectura dun manifesto a cargo da alumna Andrea Rivas; e ofreceu un concerto Guadi Galego, coñecida por unirse coa súa música á loita contra a violencia machista.

Os actos de onte remataron cunha

performance

de LAG, Lara Buyo e Ana Corujo, dúas mozas graduadas en Belas Artes e cun máster en Arte Contemporánea, que rexentan a tenda do mesmo nome en Viveiro. Na súa actuación defenden a arte en parella baixo unha liña que reivindica a igualdade de xénero.

As actividades continuarán hoxe martes coa exposición; o mércores con teatro infantil de A Adala, e o xoves con música, un coro de escolares, a actuación das Moreninhas (tres rapaciñas de Cabo Verde recentemente chegadas á nosa terra) e un encontro coa escritora Rita Morrigan. Ademais, todo isto precede á Semana das letras Galegas.