«Rosalía é un dos amoríos primeiros»

y. g. / f. j. CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

FOTO MIGUEL

O artista brindaralle unha nova homenaxe musical á poeta en San Cibrao o sábado

01 mar 2018 . Actualizado a las 09:44 h.

Con «catro discos e medio» dedicados a Rosalía de Castro, Amancio Prada amosará a súa paixón pola poeta en San Cibrao, cun concerto do que falou, entre outros temas, nesta entrevista concedida a Radio Voz A Mariña.

-Moita xente coincide dicindo que ninguén interpretou mellor musicalmente a Rosalía como Amancio Prada. É motivo de orgullo para vostede?

-Polo menos ninguén lle ten dedicado tantos días, tantas composicións porque é un dos poetas que máis teño cantado. Canto a Rosalía todos os días. Case a veces penso, como diría o outro, ‘Rosalía çe moi’ (ri)

-Pucho Boedo, Luz Casal, tamén enormes, tamén fixeron interpretacións maxistrais dalgún poema de Rosalía. Por que é tan musical a poesía dela?

-En xeneral o galego ten unha sonoridade caseque a flor de pel, como se di. E no caso de Rosalía, tamén no caso de Cunqueiro, teñen unha inspiración moi popular. Rosalía escribía ademáis nun galego sinxelo, popular moitas veces, case sempre se inspira en coplas ou estrofas de cancións populares e iso tamén... digamos que está levando o poema ao cante. Logo tamén ten poemas moito máis íntimos, igualmente valiosos pero non tan cantábiles coma no caso de En las orillas del Sar. Naquel primerio disco do ano 1975 eu quería que houbera polo menos un poema dese seu último libro que é marabilloso e precursor da poesía moderna contemporánea.

-Ten poemas que se converten en cancións moi fermosas.

-Como Campanas de Bastabales en tres acordes ou como Chove miudiño ou outras que son un pouco máis complicadas como Pra Habana ou Maiolongo. Cada canción ten que ser acorde co poema, ou polo menos iso intenta un. A súa obra, o seu espírito, está plasmado nos seus poemas. Entón, os poemas de Rosalía van máis aló da figura literaria, incluso histórica, de Rosalía, porque incluso o nome de Rosalía irase perdendo na néboa do tempo mentres que a súa obra seguirá en vigor e tal vez ten esa fortuna de convertirse en poema anónimo que vive cantado pola garganta de calquera.

-Ela é galega e universal.

-Todos os poetas escriben na súa lingua e se teñen algo que dicir ao mundo entran en sintonía con outra xente que pode vivir a miles e miles de quilómetros e que se expresa noutra lingua pero se a canción está ben feita vai directamente ao corazón. Parece que non precisara tanto entendemento; o que pasa é que o ideal é entender o texto que se canta e comprobar como se a música é a voz tamén convirte cada verso nun dardo que vai directamente ao corazón. E os corazóns sinten, sufren e aman pois máis ou menos o mesmo eiquí que en Pernanbuco.

-En que formato chega a Cervo?

-So coa guitarra, como naceron as cancións. Se tes un chelo xa é un luxo enorme. As boas cancións son as que non necesitan de grandes orquestas nin de grandes acompañamentos.

-Galicia é unha terra que para un natural do Bierzo é irmán.

-No Bierzo cando era nenos, sen sabelo, éramos bastante galegos. Debíasenos notar moito porque cando saía fóra e dicíanme ‘galleguito, galleguito’. ‘Yo no soy gallego, soy del Bierzo’, ‘Anda, anda...’ Si, aí estamos na beira do Camiño. O Bierzo é o pórtico natural de Galicia e de Galicia chégannos... tantas tantas cousas!

-Cantou a lírica galega case coma ninguén. A Cunqueiro tamén lle dedicou un disco fermosísimo.

-Si, Alá vai o cabaleiro(...) Tamén a quen lle dediquei outro disco monográfico Lelia Doura. E tamén teño moitas cancións soltas a Celso Emilio Barreiro, da Edición Cabana. Síntome moi ben cantando en galego. Tamén cando en castelán, igual. Todos os idiomas son fermosos. Porque cantar a San Juan de la Cruz, o que hai aí!, ou a García Lorca... Pero Rosalía é un dos amoríos primeiros e os amoríos primeiros xa sabes ti que son moi malos de olvidar.

-Proxectos.

-Acabo de grabar un disco dedicado a un poeta amigo fraternal, Juan Carlos Mestre, tamén do Bierzo. Aínda non está na rúa...