Hoxe ela xubílase, poñendo fin tamén a un comercio que nacía co Mundial do 82
28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Deportes Cota pechará as súas portas onde abría en 1982, no barrio da Pescadería en Viveiro. Foron 36 anos de vencellos cos clientes que agora rematan. Aínda que a despedida de Saleta, quen se xubila hoxe, e Jenny a esa etapa comercial é á vez un agarimoso agradecemento a aqueles que confiaron na súa profesionalidade á hora de vender.
-Sempre foi Deportes Cota?
-Si, sempre se chamou Deportes Cota aínda que so para tema de papeleo foi Deportes Viveiro.
-Por?
-Porque xa había un Deportes Cota ao facer o rexistro. Cota vén por Couceiro e Tarrío. Eu son Saleta Couceiro e por meu irmán xa que é a muller del a que está conmigo levando a tenda, e polo meu home que é dos Tarrío.
-Cando abriu a tenda?
-En 1982, o 29 de marzo.
-O ano do Mundial.
-Efectivamente, cos mundiais de España.
-Aquel gran acontecemento deportivo favoreceu en algo?
-Naquel momento todo tiña tirón. Eran outras épocas. Vendíase moito fútbol, sobre todo ao principio, porque equipos de chavales que, imaxínate, lle poñían ‘restaurante Casa Pepito’ (non é literal) ían pedir e patrocinábanse moito as equipacións. Nós vendiamos o que patrocinaba outra xente. Abrimos en época de moito fútbol.
-Era e é o deporte rei.
-De fútbol vendiamos moitísimo e moita roupa deportiva para colexios e actividades de correr, para ximnasios. Ao principio cando nós abrimos, incluso podemos dicir que os plumíferos que hoxe se venden en todas as tendas só se vendían en tendas de deportes. Ías buscar unhas zapatillas deportivas e ías a unha tenda de deportes, non ías a unha de calzado. Hoxe miras o escaparate dunha tenda de calzado e ves un montón de zapatillas deportivas. Foron outros tempos, para nosoutros moito mellores.
-Cal foi a evolución do sector?
-Unha tenda hoxe ten que estar moi pendente de Internet. Se traio unhas zapatillas que as fabrican en vinte cores eu non podo traer vinte cores porque en Viveiro non dou vendido nin tanta numeración nin tanta cor. Entón, se a queren en laranxa chámante e ao día seguinte a teñen. Terías que montar o negocio doutra maneira, facendo venda online e xa non temos ganas nin idade.
-Non hai ninguén na familia que siga adiante co negocio?
-Eu xubílome pero miña cuñada tampouco pode seguir coa tenda. Non ten continuidade, non hai relevo xeneracional porque os nosos fillos teñen outros traballos e non queren seguir coa tenda.
-Que vos din os clientes ao saber que vai pechar a tenda?
-Eu diríache que nos van botar en falta. Ademais, quero recalcar que temos unha clientela moi fiel á cal estamos moi agradecidas por estes anos, porque sabemos que a xente nun pobo tense que repartir porque hai moitas tendas. Houbo unha época na que había nove tendas de deportes en Viveiro, que era unha locura. Pero sempre tivemos a nosa clientela fiel e sempre procuramos ser serias no noso traballo e creo que nos van botar un pouquiño en falta, e nós a eles tamén.
-Sempre traballaron con marcas punteiras e foron un negocio de carácter familiar?
-Si. Empezamos catro irmáns coa tenda, que tamén é bonito dicilo. Despois, dous por problemas de traballo tivérono que deixar e seguimos os outros dous; bueno, por meu irmán agora miña cuñada, Jenny, e máis eu, toda a vida. Sempre traballamos marcas do mellor e creo que nos van tamén botar en falta a xente que vai para Servizos Sociais, para San Francisco... aqueles que che pedían ‘poido deixar o carro?, poido deixar esta bolsa?, podo deixar tal?’ Agora tamén nos van botar un pouco de falta por todo iso (sorrí).
-Sempre na Pescadería.
-Ademáis na casa na que eu nacín, e os meus antepasados.
-Que farán co local?
-Seguramente o poñamos en aluguer.
-Quizás sirva para que outros labren tamén o seu futuro.
-Agora xa sabes que no casco vive menos xente e dáme moita pena ver unha tenda de toda a vida pechada. Xa non a miña, senón as dos demáis.
-É boa zona comercial.
-A rúa [agora semipeatonalizada] quedou moi ben. O acceso é mellor o noso que o da rúa principal. É unha rúa moi comercial.
-Mañá [por hoxe] xubílase. Como se vai levantar este día?
-Mañá [por hoxe] é o último día, no que traballarei coma sempre. Miña cuñada o mesmo. Eu voume levantar coma sempre porque fago moitas actividades, vou ao conservatorio, colaboro na Parroquia, temos un grupo de teatro... Ou sexa, que eu non me vou aburrir. Ademáis teño unha neta de cinco anos, que tamén me apetece disfrutar dela todo o posible.
-A xubilación, logo, nin lle dá medo, nin lle asusta...
-Ao contrario, simplemente quero poder disfrutala porque aos 65 non é o mesmo que cando tes 40, os achaques veñen enseguida, pero mentras se poida, a disfrutar das miñas prioridades das que ao mellor ata agora non me podía dedicar tanto, porque había que traballar.
-Algo máis que engadir?
-Estamos moi agradecidas por estes anos á xente e ímonos moi a gusto... Estamos contentas porque imos disfrutar de cousas que non poidemos facer antes.
«Hoxe montaríase o negocio doutra maneira, con venda online, e non temos ganas nin idade»
«Vannos botar en falta. Temos unha clientela moi fiel á cal estamos moi agradecidas»