O mestre

Lucía Sánchez Meitín OPINIÓN

A MARIÑA

11 feb 2018 . Actualizado a las 19:17 h.

Imaxino ao mestre traballando no faio, no lugar máis elevado da súa morada. Preto do ceo, onde repousan ben os libros e os pensamentos, o mestre recopila documentos e imaxes do seu pobo. Inclinado derriba da mesa do vello escritorio, dalle forma comprensible á historia da súa xente. Sabe que o presente é reflexo do pasado. O agora é máis comprensible se, como el mesmo di, desbrozamos o camiño percorrido polos nosos devanceiros. O mestre define a estrutura territorial, económica e social daquelas parroquias de antes para coñecer unha realidade na que a luz ilustrada escaseaba.

Na segunda parte do traballo do mestre xa aparece a Escola como a «porta da cova». Agardo que me permita a metáfora platónica para definir o lugar físico onde xorde o coñecemento e as ideas. Hai que salientar o interese que puxeron nas escolas aqueles que marcharon de Galicia a ultramar, onde descubriron a importancia das letras e dos saberes para comprender o mundo, e a escaseza deles nas aldeas que os viron partir.

As horas pasan para o mestre, e o traballo comeza a tomar forma. Decide chamarlle Centenario Escolar de Cervo 1917-2017. Crónica Histórico-Literaria. Parroquia de Santa María de Cervo. Conta co interese do Concello de Cervo, que será o editor, e terá forma de volume con cento oitenta páxinas repletas de fotografías, documentos e textos absolutamente imprescindibles para todos os públicos.

Pola fiestra do faio da casa aparecen os primeiros raios do amencer e o mestre xa pensa no próximo traballo. O seu bigote louzán cúrvase cara arriba, no sorriso daquel que sabe que aínda lle quedan moitos amenceres. Xa fai anos que non imparte clase na escola, mais todos sabemos que o mestre Francisco Piñeiro González ha estar sempre desentrañando sombras, acendendo mentes co facho radiante do coñecemento.

Lucía Sánchez é escritora.