«A nivel económico é o evento máis importante na Pontenova»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA A PONTENOVA / LA VOZ

A MARIÑA

CARLOS GAVINO

A Feira de Artesanía e Antigüidades, de perfil internacional, recibe a 60 expositores

08 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira de Artesanía e Antigüidades de A Pontenova, baixo organización municipal, é toda un referente na vila. Esta fin de semana, dende hoxe e ata o domingo, celebrarase a edición número 11 cuns 60 expositores chegados de distintos recunchos de España, Portugal e Francia. Paco Martínez Bermúdez, tenente de alcalde e organizador da cita pontenovesa, recoñece o peso económico que esta ten a nivel local.

-Falando de antigüidades, cal é a que ten de máis valor sentimental na súa casa?

-Pois un reloxio de bolsillo, con cadea, que foi de meu pai.

-Imaxino que non o venderá esta fin de semana na feira...

-Non, non! Salvo que non tivera máis remedio nunca o venderei.

-Que ambiente se vai respirando xa ante a cita de A Pontenova?

-Hai optimismo. Aínda que as antigüidades non pasan por bo momento, pasaron por momentos máis delicados. Non seguen a ser unha prioridade para algunha xente, salvo que teña claro que mercar ou sexa algo baratiño.

-Á hora das ventas, que tipo de peza é que máis se vende?

-Véndese máis peza mediana e pequena, aínda que nesta feira é moi tradicional e típico que veña moble. Vas a outras feiras e parecen mercadillos. A cantidade non é a calidade. Aquí os stands son reducidos, sempre medidos, pero a realidade é que vén xente con bastante calidade nas pezas.

-A máis lonxe, de onde ven?

-É unha francesa.

-Debe compensarlle vir.

-Veñen sempre. Antes eu dedicábame a facer algunha feira. Ata hai dous ou tres anos ía á Estrada, Ourense, Santiago... Este é un circuito e é xente á que non lle importa moverse. De feito, veñen encantados porque encontran unha feira amena, con compañeiros que son os mesmos e nos coñecemos todos, cunha amizade incluso grande nalgún caso, cóbranse cen euros por expoñer cando noutros sitios menos do dobre non hai, en A Pontenova cómese ben, son pratos ricos e bos, cremos que o trato é agradable coa xente...

-Como teñen dito no Resu en Viveiro, unhas minivacacións!

-Un amigo meu que vén di «son mis vacaciones». Xa chegou o martes pola mañá.

-Cantas visitas houbo en 2016? Esperan repetilas neste 2017?

-Unhas oito mil. A feira fora catro días. As expectativas para este ano son boas. Non sei se imos chegar aos oito mil visitantes pero gustaríame. O sábado e o domingo son os días fortes e mañá [por hoxe] tamén ao ser festivo.

-Xa van pola edición número 11. Confía en pasar da 20?

-Esperemos pasar, pero suppoño que haberá relevo daquela. Para todo ten que haber relevo. O pobo non pode deixar facer un evento que a nivel económico é, penso, o máis importante de todo o ano. Date conta de que onte [por antonte] xa veu xente descargar, hai habitacións ocupadas, danse comidas... Hai quince días xa estaban completos os hoteis.

-E mañá será a Ruta Reivindicativa en Vespa pola Senda Verde.

-Si, a ver se desencallan no Ministerio o tema da Senda Verde. É unha pena non tela acondicionada ata o final, ata Ribadeo, a única Senda Verde que hai en Galicia. Duns 2.000 quilómetros que hai en España, que non haxa ningún en Galicia... é triste.