Aterra como poidas

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTETRIBUNALES Y SUCESOS

A MARIÑA

05 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en día é habitual que nos sobrevoen avións, van tan altos que nin dos decatamos da súa presenza. No momento no que escribo estas liñas vexo no Flightradar unha ducia de aeronaves atravesando o espazo aéreo galego, a maior parte son voos internacionais que non pisarán ningún aeroporto galego, unicamente un procedente de Valencia ten previsto aterrar no aeródromo de Alvedro. Pero houbo un tempo no que non era tan frecuente a navegación aérea e que cada vez que un aparato atravesaba os ceos supoñía un acontecemento, ben é certo que se desprazaban a menor velocidade e altura. Naqueles tempos, un avión -case todos eran militares- podía converter calquera espazo que reunira unhas condicións mínimas nunha pista de aterraxe improvisada, na provincia de Lugo temos varios exemplos.

En agosto de 1926 un avión modelo Arisamil coa matrícula número 206 procedente de A Coruña que voaba con destino a Santanter viuse na obriga de aterrar como puido na Xesta por mor da néboa que impedía a visibilidade suficiente para navegar con seguridade. No aparato viaxaban o seu piloto, o capitán Giménez e o fotógrafo Alonso. O das condicións meteorolóxicas adversas na zona do Fiouco xa vén de lonxe.

O 24 de decembro de 1932 aterrou nun prado de Vilar (Ribadeo) -hoxe zona comercial- un avión -desta volta civil- por motivos que descoñecemos. No aparato voaban o piloto Benjamín Gutiérrez e o pasaxeiro Francisco Cardes, os dous veciños de Oviedo. Case catro horas despois da aterraxe produciuse o despegue ante a presenza de numeroso público.

Poderíamos citar moitos máis casos como a aterraxe que tres avións militares con base en León fixeron na praia de Covas (Viveiro) no verán de 1930, pero o que me chama a moito a atención é que unha localidade tan pequena coma a capitalidade do concello de Ribas do Sil teña unha ampla nómina de episodios relacionados coa aviación.

En xullo de 1926 o avión militar número 94 en voo procedente de León con destino a A Coruña aterrou de emerxencia nun meandro do Sil á entrada de San Clodio, a operación realizouse sobre o que desde o aire parecía unha área lisa pero que en realidade eran cúmulos de cantos rodados o que provocou que o tren de aterraxe quedara destrozado motivo polo cal tiveron que despezar o aparato para ser evacuado por ferrocarril.

No 1929, un avión que formaba parte dunha flotilla comandada por Sanz de Buruaga tomou terra en San Clodio por mor dunha avaría. Contan as crónicas que o piloto, Montero de apelido, deu mostras de gran pericia na pilotaxe tanto na aterraxe como no posterior despegue. A maior traxedia da aviación do municipio da Ribeira Sacra luguesa tivo lugar en outubro de 1932 cando o capitán Belloch tomou terra nun prado e, antes de que o avión se detivera, capotou e incendiouse, algúns veciños foron no seu auxilio, cortaron as cinchas de seguridade cun fouciño pero non foi suficiente para libralo das graves queimaduras que provocaron a súa morte.

* Nota: Antón Caxoto expón as viñetas que publica nesta sección no bar O Porriño, en Mondoñedo.