Beauty é o un novo estudo de beleza en Viveiro que incorpora novidades no sector
21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Beauty é un novo estudo de beleza que en Viveiro leva o selo particular de Carolina Durán. Despois de sete anos de experiencia sobrada no sector da imaxe lanzouse con valentía a abrir o seu propio centro. Onte, o primeiro día de apertura, foi un non parar para a profesional viveirense.
-É duro emprender hoxe?
-Bueno, dígoche que adelgacei seis quilos en dous meses. E foi todo polo estrés.
-Cando tomou a decisión?
-Xa levaba moito tempo con ganas de abrir o meu propio centro. Sempre foi o meu soño. Pero primeiro tes que formarte, coller a experiencia... Traballei en varios centros de beleza e en perruquerías. Foron sete anos traballando, sempre por conta allea.
-Pero ao fin o seu soño cúmprese!
-É o meu soño pero non é un soño fácil... e menos nos tempos nos que corren.
-Que «pedra» atopou no camiño?
-Quizás o máis difícil foi a formación en todas as máquinas. Tiven que facer moita formación en IPL, cavitación, etcétera. Eu queriá traer a Viveiro máquinas que non houbera aquí, quería traer cousas novidosas. Ese foi o maior dos obstáculos.
-De que novidades fala?
-Cavitación, mesoterapia, fotorexuvenecemento...
-Case fai falla facer outro curso para saber que significan...
-Si, repartín flyers pola apertura do centro e case todo o mundo me preguntaba que era iso.
-Falando de beleza, hoxe en día que é o que máis lles preocupa a elas e que a eles?
-Penso que ás mulleres lles preocupa moito o estado das súas pernas, sobre todo se teñen problemas de circulación e varices... Tamén a cara. Por exemplo, por manchas porque cada vez nos expoñemos máis ao sol, por cuperosis e o tema das enrugas. Para isto o ácido hialurónico ponse moito e as cremas que o levan soen dar moi bos resultados.
-Despois de sete anos no sector, son máis coquetos eles ou elas?
-No caso dos homes con respecto ás mulleres, igual... ou máis! O sector da estética no campo masculino medrou moitísimo se miro dende cando eu empecei eu a traballar. Antes parecía que entraban no centro con vergoña. Pero agora non ten nada que ver, entran con naturalidade. A eles impórtalles moito a depilación. Antes acordábanse cando chegaba o verán pero agora xa veñen todo o ano.
-Tamén debe ser porque depilarse cando o pelo está longo é...
-(Ri) Horrible!
-E logo aquelo de que «el hombre y el oso cuanto más pelo más hermoso»? Xa non se leva?
-Ese refrán vai pasar a historia!
-Investigando na oferta de Beauty vexo que traballará cunha marca de alta cosmética natural.
-A marca é Wherteimar. É suiza; sempre me gustou. Non a hai en toda Galicia e o máis cerca que se ofrece de aquí é en Xixón. É alta cosmética natural sen parabenos, sen testar en animais, nada químico... A composición principal é auga dos glaciares suizos.
-Hoxe [por onte] é o seu primeiro día de apertura. Nervios?
-A verdade é que teño a tarde chea. Estou moi contenta! Xa na inauguración sentinme moi querida. Foi un día cheo de emocións que nunca vou olvidar.
-Repasando o nome que lle deu ao negocio, moi anglosaxón. Beauty é beleza en inglés. E engadiulle «by Carolina Durán».
-Non sabía como poñer o nome se en inglés ou galego... Pero tiña claro que tiña que levar o meu nome. Era unha maneira de que identificaran rápido o centro. Alberto o de Futures díxome ademáis que Carolina Durán era un nome moi comercial.
-A estética foi de sempre o seu?
-Realmente empecei estudando perruquaría, que foi moi moi vocacional. Na casa eu peiteaba a todo o mundo. Estética foi como complemento pero ao final gustoume máis que a perruquería.
-Xa a imaxino de nena cortándolle o pelo ás Nancys e ás Barbies. Xa é un tópico típico pero máis en quen soña con ese mundo.
-(Ri) A todas as bonecas! E ata a miña irmá María un día que collín unhas tesoiras. Empecei coas puntiñas e ao final deixeina...