«É fundamental concienciar ós cidadáns das súas obrigas para previr incendios»
A MARIÑA
Villares aboga por unha normativa máis áxil e lembra a importancia da unión das Administracións
05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, defende en días pasados a necesidade dunha normativa máis áxil e dunha política preventiva para evitar os incendios. Fíxoo no transcurso dunha reunión con representantes da Xunta, das deputacións e da Administración central tralos incendios que asolaron Galicia, e reitérao días despois. Aboga pola colaboración entre Administracións e ve necesario concienciar aos propietarios dos terreos forestais sobre as súas obrigas, incidindo na necesidade de realizar tarefas preventivas, como as de limpeza, principalmente en zonas próximas a vivendas. «É necesario traballar cos cidadáns na prevención, que teñan as fincas limpas para evitar incendios», explica.
-¿A que se refire cando pide unha normativa máis áxil?
-Vemos problemas graves como os que temos para identificar a propietarios de terreos e, á marxe disto, están aqueles terreos identificados pero que a xente non mantén limpos. Existe unha norma que lembra a obriga de que as zonas periurbanas deben estar limpas, pero á hora de facelo cumprir desde as Administracións témolo complicado polos procedementos longos e polo papeleo. Cremos necesarias medidas máis áxiles e concretas, que fixen prazos para que o cidadán saiban das súas obrigas para manter as fincas limpas. Si un Concello ten que actuar de forma subsidiaria tería que iniciar un proceso complexo. Todo se volven papeis, queda a finca sen rozar e despois pasa o que pasa.
-Hai obrigas por parte dos cidadáns e das Administracións...
-A Administración somos todos. E á marxe de que a Administración ten que funcionar, todos os cidadáns teñen que facer o que teñen que facer. Temos que ser áxiles á hora de resolver as nosas responsabilidades e no caso de que os cidadáns non o fagan, a Administración ten que intentar suplilos e levar adiante traballos que non se fixeron, coas consecuentes responsabilidades para os cidadáns que non os fagan.
-¿Cales son as normas que máis se incumpren?
-Hai de todo. Hai que recordar que temos normas que nos obrigan á limpeza, que fixan distancias das plantacións das casas ou carreteras... É certo que as normas as temos que aplicar as Administracións, pero tamén é fundamental concienciar aos cidadáns das súas obrigas para previr incendios. A concienciación é fundamental.
«É moi importante que se faga caso das normativas de plantacións de árbores, sobre todo de crecemento rápido»
«Non é cuestión de que haxa que poñer máis diñeiro do que está posto, pero si ir no camiño de concienciar aos propietarios», recoñecía Villares en días pasados. Cre que a implicación debera ser de todas as Administracións, incluidas as deputacións provinciais, en materia preventiva e tamén de actuación en caso de incendios.
-¿É necesario reorientar as políticas forestais?
-Estamos todos de acordo en que hai que aproveitar a nosa terra, que lle temos que buscar un rendemento produtivo para que haxa máis riqueza e máis opcións para asentar poboación. Non hai que esquencer que as políticas forestais tamén hai que encauzalas, ao mellor valorando qué tipo de plantacións, en qué espazos... É moi importante que se faga caso das normativas vinculadas coas plantacións de árboles, sobre todo as de crecemento rápido.