«Manuela Barreiro Pico foi unha pioneira»

laura lópez LUGO / RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

ROI FERNANDEZ

Presentan un libro sobre esta ribadense, primeira licenciada en Farmacia de Galicia

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A profesora María Isabel Fernández García (Tetuán, 1949), catedrática de Química Inorgánica da USC na Facultade de Ciencias de Lugo, presenta -esta tarde ás 20.00 horas no Obradoiro do Libro do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) de Lugo- a monografía Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada, primeira licenciada en Farmacia de Galicia (1900), editada pola Deputación Provincial de Lugo.

Nesta obra afonda na figura desta ribadense pioneira da que se descoñecían moitos datos. No prólogo do libro, Fernández García conta que pensou en titular a obra Con todos los permisos, xa que para chegar á universidade, Manuela Barreiro tivo que pedir moitos permisos: «Las actividades de las mujeres en general y de las gallegas en particular fuera del hogar fueron olvidadas, salvo figuras muy destacadas del campo de las letras», afirma.

-¿Foi difícil levar a cabo esta investigación?

-Levo tres anos traballando nela porque era unha gran descoñecida e había moitos datos perdidos, houbo que buscar familia, expedientes académicos... Ademais, foi unha muller que non casou, polo que as vinculacións familiares se perden máis facilmente e é máis difícil atopar datos. En Ribadeo existe o colectivo Atalaia, que tiña escrito algunha cousa sobre ela, e xa deran a coñecer que fora a primeira licenciada en Farmacia, en 1900, pero non sabían que Manuela Barreiro foi a primeira muller que estudou na USC e rematou a carreira. Foi farmacéutica en Ribadeo, e no lugar onde tivo a farmacia hai unha placa conmemorativa.

-¿En que ano foi iso?

-Matriculouse en 1896, cando as mulleres aínda non podían estudar na universidade. Por iso, tivo que pedir permiso ao Ministerio para inscribirse, e dábanllo sempre que os catedráticos non puxeran problemas e se vían que a presenza da muller na aula non ía supoñer a alteración da orde na clase, así que dependía da vontade do catedrático. Neste caso, aceptaron.

-¿Hai moitas mulleres pioneiras na provincia de Lugo das que aínda se descoñece a súa historia e habería que contala?

-Moitas, e niso estamos traballando desde o equipo de investigación CienciaNOSA, co estudo Mujeres y Ciencia. Xa publiquei na revista Lucensia un artigo sobre as primeiras mulleres relacionadas cos estudos de Ciencias de Lugo e proximamente escribirei un libro sobre todas estas mulleres.