Rememorando a vida estudiantil en Compostela

Herminia Pernas

A MARIÑA

14 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Curso 1985-86: Os comenzos. Neste curso unhas raparigas mariñás iniciaban a súa andaina universitaria en Santiago de Compostela, e a vida de estudante nunha pensión que enseguida acadaría unha grande sona; digna incluso de compararse á La Casa de la Troya pero en versión de finais do século XX.

Era esta un céntrico piso a estrear, na rúa Rosalía de Castro, nº 79-81, 4º A; a súa propietaria, Nelita Iglesias, comezaba tamén unha nova etapa como patroa de estudantes tras deixar a súa anterior vivenda na zona de Galeras. Nove rapazas distribuídas en tres habitacións dobres, tres simples, tres baños e unhas amplas sala de estar e cociña. As habitacións simples daban a un bulideiro patio de luces mentres que as dobres eran exteriores e estratexicamente situadas, posto que miraban cara a unha pensión de rapaces e a un restaurante moi renomeado como era «Casa Vilas» e ao lonxe, o monte Pedroso cunha magnífica posta de sol.

Desas nove rapazas, cinco tiñan en común ter estudado o bacharelato no mesmo centro, o de Burela, daquela sen nome pero cun máis que notorio nivel, que fixo que tanto as de ciencias como as de letras viviran de rendas nalgunhas materias. Só había que estudar e do resto xa se encargaba a patroa, que sempre tiña o piso impecable e a comida fumeando na mesa agardando por nós que chegabamos famentas das clases.

Naquel entón, a distancia que nos separaba das nosas casas era enorme (aínda que se foi acurtando co tempo pero moi amodiño) polo que Nelita esforzábase para crear non só unha pensión senón un fogar. Cómpre sinalar que desde as tres da tarde que saíamos da pensión con destino á estación de autobuses, non chegabamos á Mariña ata as oito da tarde no autobús procedente de Lugo, e iso con moita sorte; ou ben no das nove da noite que viña da Coruña, previo transbordo en Vilalba (viaxando ata de pe se a concorrencia era moita). Pero con eses anos non había cansazo que asomara.

Sen dúbida, as mellores fins de semana eran as que pasabamos en Compostela: sempre había unha comida ou unha sobremesa especial, unha viaxe a Portugal (a que iamos por estrita quenda e que significaba pasar o día de compras e de picnic) e ata recollíamos uva na casa natal de Nelita, en Pontecesures. E tamén chegamos a ter unha avoa adoptiva, a señora Victorina (nai da nosa patroa), que sempre nos daba bos consellos.

A patroa vivía coa súa familia no piso de abaixo e como non quedaba nada ben comunicarnos a berros polo patio, enseguida foi ideado un interfono, ao que se engadiu, con posterioridade, o teléfono. Nos primeiros tempos baixabamos a súa casa falar coas nosas familias; e se pola contra, chamabamos nós entón tocaba facer cola nas cabinas que había diante do edificio. Que frío levamos pasado no inverno; e para empeorar as cousas, podía suceder que cando che tocaba o turno, o teu interlocutor non contestase. Sen comentarios. Tamén baixabamos ver a televisión pero só as fins de semana, por suposto. E que algarada armamos cando saíu en antena o daquela noivo dunha de nós, un tal Xosé Ramón Gayoso. Neste punto hai que dicir que a TVG comezara a emitir o 25 de xullo de 1985. Outra velada memorable sucedera un sábado de inverno.

Viñeran buscarnos para saír de troula uns compañeiros aos que Nelita porfiou en convidar a castañas asadas e café antes de marcharmos porque ía un frío doente. Alongamos a velada, coa patroa incluída, e de súpeto deron as catro da mañá sen saír da casa. Continuamos coa parola unha hora máis para dar tempo a que abriran as «boutiques del pan»; encargándose uns de facer o chocolate e outros de mercar os croissants.

Pero non todo era diversión. En tempos de exames, os nervios afloraban e aí estaba Nelita co seu remedio infalible: tila alpina. Nunca tal tiñamos oído pero funcionaba ao cen por cen. Outras veces, facíanos de espertador ante o medo de quedar durmidas e non ir ao exame. Creo que chegou a saber de todas as carreiras á vez. Os comezos foron duros mais fomos resolvendo. Os tempos eran outros e non tiñamos nin a metade do bagaxe que teñen agora as novas xeracións (será por iso a miña porfía de excursionear cos meus alumnos para que vexan algo de mundo antes de ir á universidade). Tampouco tiñamos carné de conducir nin coche e por riba, pasabamos moito tempo sen ir á casa, o que non significaba que estiveramos desatendidos xa que chegaban provisións de cada pouco.

Tocounos abrir o camiño que outras seguiron; e agora, trinta e dous anos máis tarde, imos reunirnos nun xantar coa nosa antiga patroa; e por suposto, ímolo facer no que fora o noso barrio, no outrora restaurante «Anexo Vilas». Ao vivir enfronte de «Casa Vilas» fomos testemuñas das visitas do Papa Juan Pablo II, dos reis de España, do emperador Akihito e ata de Mick Jagger entre outras moitas. O daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, era un dos clientes máis asiduos. Acostumadas a ver tanto desfile cotiá de personalidades, xa non nos chamaban a atención. Por iso, apenas nos creron cando contamos que a unha compañeira e a min nos abrazara o mesmiño chanceler Helmut Kohl, ao saír de casualidade, botar o lixo. Abofé que este sábado recordaremos esa e moitísimas anécdotas máis. Á hora de xantar imos volver ser uns universitarios reunidos en torno á súa patroa como protagonista.