Mondoñedo, unha cidade de cine

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Bouso presenta un libro dentro da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Bouso (Mondoñedo, 1976), profesor, impulsor de múltiples iniciativas culturais e escritor, presenta en Lugo un libro sobre a historia do cine en Mondoñedo.

-¿Como se chama?

-Chámase Cine Mondoñedo. Está escrito por Emilio Carlos García, catedrático de Historia do Cine na Complutense de Madrid e máis por min. Emilio fai a parte que ten que ver con Victoriano López García, porque o ten estudado e o coñeceu en vida, foron amigos. E eu fago un repaso pola historia do cine en Mondoñedo, desde a chegada do cinematógrafo, polos últimos de abril de 1899 ata a actualidade.

-¿Que recolle?

-Fágoa en catro bloques. Un que vai dende esa primeiras noticias que acabo de contar, ata a actualidade, pasando polos lugares onde houbo cine en Mondoñedo, basicamente dous locais, o salón de actos do Casino e o salón de actos da Sociedade de Obreiros. No primeiro caso houbo diferentes empresas que o rexentaron e alí tiveron lugar as primeiras proxeccións en sala que se fixeron en Mondoñedo, cando o cine era ambulante, e despois converteuse en sala estable, con Cine Galicia. Despois xa foi o Principal Cinema. Facemos un repaso polo cine educativo e social, tanto os cines fórum como o aproveitamento para a formación do alumnado do instituto, ata o último proxector que mercou o Concello no 1999 a Ser Cine de Salamanca, con motivo do centenario da chegada do aparello dos Lumiére a Mondoñedo. Despois faise un repaso pola xente vinculada ó mundo audiovisual en Mondoñedo e fálase de Victoriano López García, que foi o gran renovador do cine español, de xente que sen nacer en Mondoñedo, ten relación familiar con Mondoñedo, como é o caso de Zully Moreno, a actriz arxentina que foi das máis brillantes en Sudamérica, chamábanlle a Rita Hayworth arxentina, e tamén o seu irmán que foi o primeiro que creou unha plataforma de distribución cinematográfica a través dun canal satelitario, o que pode ser Canal+.. Falamos de Luís Callón que ademais de escritor e xornalista do mundo do cine, foi colaborador de Victoriano López, na revista Cine Experimental, tamén guionista e actor ocasional e incluso presentou proxectos para ser director pero a censura tirounos. Ruth Chao, unha rapaza que naceu en Mondoñedo e vive agora en Sigüeiro e se dedica a dirixir documentais, incluso ten unha produtora propia, de Miguel García, Xian Freire (...).

-O máis senlleiro é Victoriano

-Claro. Desempeñou moitos cargos na administración relacionados co cine, e ó mesmo tempo foi o creador do Instituto de Investigacións Científicas y Experiencias Cinematográficas (IIEC) que pasaría a ser despois a Escola Oficial de Cinematografía. Foi profesor de Bardén, Berlanga, Saura, de grandes directores que fixeron o gran xiro do cine español. Naceu en Mondoñedo en 1910 e desenvolveu unha actividade importante, formouse en Vigo e Bilbao e acabou residindo en Madrid.