O comité denuncia a Alcoa a Inspección de Traballo por «imprudencia na seguridade»
A MARIÑA
Din que a empresa obriga a traballadores sen formación a exercer de panelistas
09 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«Os delegados de prevención de Alcoa en San Cibrao denunciamos á Inspección de Traballo a imprudencia da dirección de Alúmina que, diante da carencia de persoal, obriga aos traballadores a realizar tarefas de superior nivel para as que non están formados nin capacitados».
Así se manifestaba o comité de Alcoa nun comunicado de prensa: «Os recortes de persoal -añadían- levaron a Alcoa ao límite e agora non é capaz de cubrir con persoal formado os postos de traballo para garantir a integridade da planta. Este é o motivo polo que dende agosto a empresa obriga a traballadores sen formación a exercer de panelistas poñendo en perigo a todos os operadores que traballan en campo. Foron os propios traballadores os que lle manifestaron por escrito á empresa, cando lles comunican o cambio temporal de posto, que non se senten formados nin capacitados. Os delegados de prevención consideramos que actuacións deste tipo son unha temeridade por parte da Empresa. E pedimos do persoal que extreme a seguridade», din.