O colectivo «Por nuestro faro» insiste nas críticas ao hotel na Illa Pancha

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Lembran a comunicado do Defensor del Pueblo

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O colectivo “Por Nuestro Faro” insiste nas críticas ao hotel no faro de Illa Pancha e lembra o comunicado do Defensor del Pueblo.

«Basicamente -din- o informe do Defensor tumba rotundamente todo o expediente tramitado pola D.X. de Puertos del Estado, os informes da Xunta de Galicia e a concesión da licenza para a obra do Hotel de dúas suites (agora apartamentos) polo Concello de Ribadeo. Comeza analizando a lexislación aplicada e subliña que non é correcta. Despois destaca que faltan informes esixidos pola lexislación europea, española e galega, e remata suxerindo que se paren as obras mentres non se emitan os documentos que o noso colectivo ven reclamando dende hai moitos meses. Nada novo, porque xa anunciamos con tempo que estábamos ben asesorados».

Engaden: «Un aspecto que compromete especificamente ao Concello de Ribadeo é o desdobramento do expediente separando o proxecto dunha cafetería do proxecto do hotel. Xa denunciamos no seu día (xaneiro de 2016) que iso era unha aberración dende o punto de vista do procedemento e que non ía levar a ningunha parte. Á vista están os resultados».

«O noso grupo, como primeira medida, informou ao Concello e pasoulle o documento do Defensor. Ademais propúxolle unha serie de medidas urxentes. O substancial da nosa proposta é que o concello concedeu a licenza cun método incorrecto, ou sexa ilegal, e que debe retrotraer as actuacións ao intre no que se cometeu ese erro, suspendendo a licenza e estudando de novo os pasos a dar para recuperar a legalidade infrinxida».

« Ata o de agora o alcalde declarou nos medios que vai agardar a ver o que di a Xunta, sen recoñecer o erro flagrante da súa xestión denunciado polo defensor. Seguiremos agardando que rectifique mentres iniciamos varios contactos a nivel xurídico», sinalan.