A ría de Viveiro era o punto de encontro da Expedición Cántabra, á que pertenecían o bergantín «Palomo» e a fragata «Magdalena»
06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Cúmprense 206 anos do afundimento da fragata Santa María Magdalena e o do bergantín Palomo, acaecido na ría viveiresa durante a madrugada do 2 ao 3 de novembro de 1810. Aínda que ningún dos afogados e desaparecidos era natural da localidade, axiña pasaron a formar parte do rico imaxinario popular, onde se mesturaron todo un ronsel de tradicións e lendas populares sobre a traxedia, así como o recordo inesquecible da longa estela de enterramentos que ata principios do pasado século XX aínda cubrían a praia de Covas.
A Magdalena e o Palomo eran parte da Expedición Cántabra, unha flota anglo-española contra os franceses. Saira da Coruña, e Viveiro era o lugar de reunión para reagruparse por calquera continxencia. A ría viveiresa, ademais do seu valor estratéxico sempre estivo considerada unha das máis seguras do norte lugués, polas condicións naturais que reunía como porto de abrigo. Ademais, a ría estaba naquel tempo abondo ben defendida con baterías artilladas situadas en Monte Faro, nas Louseiras e en Celeiro, mentres que a vila de Viveiro tamén estaba gardada por altos torreóns e murallas.
Os primeiros buques que arribaron á ría de Viveiro na mañán do día 31 de outubro de 1810 foron a fragata Magdalena, o bergantín Palomo e dous transportes. Canda eles tamén fondearon as fragatas inglesas Arethusa, Narcisus e Amazone. Cara a tardiña continuaron a chegar a fragata inglesa Medusa e o tamén bergantín inglés Puerto de Mahón, ao igual que a goleta de guerra Roncalesa e, seguramente, o resto dos transportes. Non entrou, en cambio, a goleta obusera Liniers que se dirixiu á Coruña.
Se ben o vento se mantivera con certa bonanza ata as primeiras horas do 2 de novembro, axiña comezou empeorar desatando un temporal de poñente, rolando a noroeste, de tal xeito que coa entrada da noite a situación xa se convertera en dramática. Co temporal, algúns dos buques provistos de maiores velames e que perderan parte dos seus anclaxes en Santoña, comezaban a garrear perigosamente.
Dous mil homes na escuadra anglo-española
A Expedición Cántabra, a escuadra anglo-española partiu da Coruña o 14 de outubro de 1810, formada por unha forza de desembarco de 2.000 homes, dos que 1.200 eran españois e os 800 restantes ingleses. En canto aos efectivos españois, a flotilla estaba composta pola fragata Magdalena de 42 canóns, ao mando do capitán de navío Blas de Salcedo; o bergantín Palomo de 18, mandado polo tenente de fragata Diego de Quevedo; a goleta corsaria Insurgente Roncalesa; a goleta Liniers e os canoneiros Corzo, Gorrión, Estrago e Sorpresa; ademais de quince transportes. Por parte inglesa, os efectivos navais eran as fragatas Arethusa; Amazone, Medusa e Narcisus, ademáis do bergantín Puerto de Mahón. Mandaba á flota española o capitán de navío Joaquín Zarauz, mentres que ó mando da inglesa estaban o comodoro Robert Mends e do maior xeneral Walker.
O día 16 de outubro, a expedición chegou á altura do porto de Xixón. Tomouse a cidade, pero o exército francés puido reconquistar a cidade. Posteriormente, deuse á vela gobernando cara a Santoña, xa con 36 buques, entre grandes e pequenos. Polas adversas condicións metereolóxicas, desistiron do ataque a Santoña e partiron cara Viveiro.
É difícil saber o número exacto de mortos
Ás dúas da madrugada fallaron os cables da Magdalena, ficando esta a mercé das ondas e do vento, ata que rematou por abordar violentamente á fragata inglesa Narcisus. Logo de moitos esforzos, os ingleses conseguiron zafar picando os paos e a xarcias ao tempo que se facían mar a dentro. Por desgracia, non lle aconteceu o mesmo á Magdalena. Aínda que nun derradeiro esforzo titánico, puido manobrar para facerse ao mar, as avarías que recibira e o vento furacanado remataron por desfacela contra a area, zozobrando na praia de Covas. Outro tanto lle aconteceu ao bergantín Palomo, que foi arrastrado contra a praia de Sacido, atopando semellante destino algunha das pequenas embarcacións de transporte e o brick inglés Puerto de Mahón.
Escenario indescriptible
Ao amencer do novo día o escenario do naufraxio era certamente indescritible, contándose por centenares os náufragos esparexidos sobre o amplo areal. A magnitude da traxedia foi tan grande que unha vez superada a capacidade de enterramentos realizados no cemiterio de San Xoán de Covas, as autoridades eclesiásticas, civís e militares, totalmente desbordadas, víronse na necesidade de ter que soterrar aos afogados en foxas abertas nas mesmas dunas da praia. Incluso, bastantes días despois, a medida que ían saíndo á superficie novos cadáveres ordenouse, por razóns de salubridade, que fosen queimados e soterradas as súas cinzas.
Afogados e desaparecidos
Pese a ser coñecidas as identidades da maioría dos oficiais e suboficiais españois falecidos, non aconteceu outro tanto coa mariñeiría e tropa, ao igual que cos aliados ingleses. Por iso resulta tan difícil saber exactamente o número de mortos, calculándose que os afogados e desaparecidos da flota aliada superaron amplamente os 850.
Contra as tropas napoleónicas
Coincidindo co asedio dos franceses no golfo de Cádiz sobre a Illa de León e a cidade gaditana, a principios de 1810, o Consello de Rexencia de España decidiu abrir novos frontes de guerra para tratar de fustrigar ás tropas napoleónicas ao tempo que intentaba aliviar o cerco sobre as terras gaditanas. Encomendáronlle ao Mariscal de Campo Mariano Renovales a Expedición Cántabra, concibida como unha operación conxunta hispano-británica que actuaría na costa cantábrica.