¿Por que os cemiterios novos son tan feos?

Miguel Sande, delegado de La Voz A Mariña-Asturias AO FÍO

A MARIÑA

Éalgo que sempre pensei, que chamou a miña atención. ¿Por que os cemiterios máis novos son tan feos?

Hai cemiterios antigos, de vello, que son unha marabilla. Cos nichos en pedra ou perfectamente caleados e con decoración coidada; con árbores centenarias en algúns casos; recollidos. Onte visitei un destes cemiterios; pequeno, cunha olveira á entrada e nichos e panteóns en pedra traballada polos artesáns e polo tempo, señoriais na súa sinxeleza, nos que se nota o coidado desa man artesán posta neles no seu tempo.

Hai dignidade. Hai recoñecemento. Hai valores. Ata nas lápidas de pedra máis vellas e simples inclinadas polo tempo sobre a terra; ata nesas.

Pero, ¿por que teñen que ser agora tan feos os cemiterios máis novos? Cemento e ringleiras de bloques iguais, nús, no medio dun eucaliptal e sorte que non haxa de preto escombros. Xa sei que os antigos quedaron pequenos, saturados, e que é obrigado ampliar.

Pero, ¿por que non hai máis coidado nesas novas construcións? Que se vexa un pouco máis de sentimento, de detalle, ata de cariño e sobretodo de respecto polos mortos. Por todos. ¿Por que esa deixadeza tamén aí nos cemiterios? Son deprimentes. Xa que a Igrexa impón os enterros en lugar sagrado, que non considere tais eses horribles bloques de formigón. Que pense niso. E os concellos, igual.