A iniciativa de publicar este almanaque ten unha doble finalidade: primeiramente, recadar fondos para reparar o teito da igrexa parroquial, un deterioro que orixinou goteiras e charcos, indignos dun templo que foi construido entre 1965 e 1969 e cuxas obras foran sufragadas por petitorio popular («Es la obra de todo un pueblo», reza nunha placa do pórtico de entrada).
Hai un segundo obxectivo nesta publicación. Un calendario é unha ocasión privilexiada para recuperar a memoria común dos pobos: unha retropectiva da paisaxe perdida, o decurso da historia, e sobre todo, os sinais de identidade da súa xente traballadora, en Celeiro, de fondo arraigo mariño, pescadores e obreiras da conserva.
O título conleva un doble significado; ademais do propio paso dos anos, Correndo o tempo ten unha segunda acepción: trátase dunha manobra abordo para navegar favorablemente con temporal, cando un patrón pon a embarcación de popa ao vento (tamén de aleta de estribor ou babor). Unha metáfora deste porto con tantas singraduras faenando na rosa dos ventos como golpes de mar.
O almanaque consta de doce páxinas dos respectivos meses, e seis máis ilustradas con estampas antigas da vila e da historia celeiresa, de barcos, tripulacións, obreiras das fábricas e veciñanza. Unha homenaxe que non é tan só unha expresión de cariño, senón un acto de xustiza cos nosos devanceiros de quen herdamos un futuro máis próspero.
A publicación sae cunha tirada de mil exemplares; agardamos que teña tan feliz acollida como en 2014 a titulada Días de mar, que esgotara a edición. Entre as sesenta e dúas fotos reflictidas aparecen corenta e tres inéditas, grazas ás aportacións de particulares e aos fondos fotográficos indagados nos arquivos de diversos organismos oficiais. Repescar a memoria viva de Celeiro será unha das mellores costeiras.