«Traballo no libro da volta ao mundo»

A MARIÑA

Xurxo Mariño Neurocientífico focense e pregoeiro das festas

08 ago 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

Xurxo Mariño, neurocientífico focense, atendeu a chamada de La Voz antes de ter que dar o pregón das festas do San Lourenzo. Nel, según avanzou na conversa, reflectiría as súas lembranzas do Foz natal que espertou a súa curiosidade polo mundo... para sempre.

- Fixo unha volta ao mundo e ía publicar un libro sobre ela. ¿Como vai ese proxecto?

-Con el estou dando unha segunda volta ao mundo. Será publicado en Xerais dentro de nada e os editores están moi ilusionados. O libro é algo gordo, porque conto un montón de cousas pero é distinto, un libro de viaxe pero tamén de divulgación científica porque vou explicando, por exemplo, como se formou o deserto de Namib. Vai a ser un libro atípico.

- Unha interesante forma para facer divulgación de tipo científico e que á vez resulta do máis atractivo para o lector.

-O feito de ir contando cousas de divulgación coa escusa da viaxe é máis atractivo, si.

- ¿Redescubriu algún recuncho do mundo traballando para preparar este libro?

-Agora ao escribir doume de conta do marabillosas que foron as etapas. Xusto estou revisando a de Nova Zelanda.

- ¿Ten quizais a sensación de que esa viaxe tan particular e extraordinaria fose coma un soño para vostede?

-Agora doume conta da importancia, da intensidade e da espectacularidade que era. ?¡Caramba, eu estiven alí!? penso sempre ao escribir o libro.

- Lembro que xa fixera hai tempo os chamados «Cafés científicos» ¿Algún outro proxecto en marcha ou en mente?

-Estou preparando co actor Vicente Mohedano unha actividade que se chama Discurshow. Un vai sobre Darwin e outro é «Protón». Imos estrear unha destas actividades novas en Bilbao, en setembro, e tamén temos previsto facelo en San Sebastián. Xa apalabramos a actividade antes de tela feita. Este agosto traballo rematando o libro da volta ao mundo e tamén nun novo Discurshow que vai sobre a capacidade dos seres humanos para a linguaxe.

- Supoño que está convencido de que o mundo científico para nada é aburrido.

-Eu pregunto: ¿Cómo pode ser aburrido comprender o mundo no que vives?

Xurxo Mariño foi o encargado de abrir este ano as festas do San Lourenzo. FOTO MÓNICA FERREIRÓS