Volve Eido Dourado

José Francisco Alonso Quelle
j. alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Mañá abre, por oitavo verán, o espazo artístico creado ao pé da praia da Pasada

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá sábado abrirá unha temporada máis, a oitava, Eido Dourado, a casa-museo do artista barreirense Celso Dourado, un espazo para a arte e a cultura ao pé da praia da Pasada, coas súas exposicións pictóricas e os seus xardíns, que se poderán visitar de martes a domingo en horario de mañá e tarde.

Naide mellor que o propio Celso Dourado para definir o que é Eido Dourado. Segundo a súa páxina web «unha edificación inspirada nas antigas casas-torre que salpicaban Galicia na época medieval. Na súa maior parte foi autoconstruída polo pintor Celso Dourado; utilizando para elo materiais reciclados: vellos postes de castaño do tendido eléctrico, travesas do antigo ferrocarril ou pedra recuperada de vellas construcións derruídas que pasaron a integrarse no conxunto artístico». Ademais das exposicións que alberga, nestes oito anos Eido Dourado converteuse nun centro cultural de referencia, con actuacións no verán. Un espazo que a miúdo se queda pequeno. Por iso Celso Dourado está embarcado en outro proxecto, no que xa traballa: a rehabilitación dunha casa da zona nobre en Ribadeo, ao pé do Cantón, para convertela nun novo espazo cultural alternativo, con actividade permanente todo o ano.

Pero esa será outra historia. Agora o que toca é a apertura da nova temporada en Eido Dourado. E como Celso manifestaba a través dunha nota de prensa, preséntase ben: «Cando nos puxemos co proxecto Eido Dourado pensamos que ao mellor non lográbamos resistir o que pretendíamos, e pasan os anos e aí seguimos estando. Este ano abrimos unha vez máis coa exposición renovada, con novas creacións e un longo etcétera».

Novos cadros, modificacións nos xardíns e actividade cultural polo verán. Eido Dourado: «Un proxecto a título particular, a título persoal, un proxecto sen ánimo de lucro que non recibe nin solicita tan sequera ningún tipo de subvención». Todo un mérito.