«A miña mirada sempre é a do pintor»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Alberto Pena Rei, natural de Foz, traballando nunha creación.
Alberto Pena Rei, natural de Foz, traballando nunha creación.

Onte foi o encargado de abrir no Cenima o ciclo de charlas «Sentirmos a arte»

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixou Foz aos 18 anos para estudar fóra, licenciándose posteriormente en Belas Artes pola Universidad de Sevilla e especializándose en Pintura. Agora a súa traxectoria profesional vai da creación á docencia, pois Alberte Pena (Foz, 1970) ensina Bachalerato de Artes no Morrazo. Formado tamén na terapia Gestalt e especializado na chamada Arteterapia, onte foi o encargado de abrir o foro «Sentirmos a arte» de A Pomba do Arco en Foz, no Cenima, no marco da Semana das Artes Plásticas, toda unha explosión de creatividade mariñana.

-Como artista, ¿como ve a iniciativa da Semana de Artes Plásticas na Mariña?

-¡Estou encantado! Paréceme algo tan exportable... Traballo no Morrazo en Bacharelato de Artes e penso que sería exportable a calquera zona de Galicia. É como un todo, tan unitario...

-Cando un rapaz di que se vai dedicar á arte, ¿ve que segue pensándose nalgunhas casas que esa profesión ?non dá cartos? a non ser que triunfes como artista?

-É verdade que hai aínda unha mirada decorativa, soamente lúdica pero penso que é fundamental ir aos rapaces e ao alumnado. En lugar de tanta palabrería sobre a arte, ir ao corazón, á semente, que está nos nenos e nenas, permeables. O don artístico non toca a todos, cada un ten un don sobre o que constrúe a súa realidade. Non me gusta facer xerarquía nos dons, pois a quen lle gusta andar na terra, fantástico. Penso que na adolescencia é cando florece, empezan a despuntar e se podes ter axuda e valor niso incluso podes evitar malos recorridos. Canto antes entres nun camiño que cubre as túas necesidades, moito mellor.

-¿Como foi no seu caso a escolla?

-Lembro que suspendera en COU un par de materias, fora un verán raro, pero coñecín a Puchades, que foi profesor en Mondoñedo, e axudoume a prepararme para un exame de ingreso... ¡Mira que dedicación no ático do instituto de Mondoñedo! Eu xa teño a meu irmán, arquitecto, así que había algo aí. Viaxara con el a Grecia e Roma e no Interrail e era a primeira vez que saía de Foz. Recordo moito impacto. O de Puchades xa foi definitivo. Meu pai acompañárame no exame de ingreso, enseguida vin que era o meu e descubrín temas esenciais que desapareceron un tempo e co que agora estou traballando, como a natureza, silencio, a imaxe como signficado máxico, primixenio... Ese combinado é co que traballo agora.

-O seu traballo está entre a pintura, a fotografía e a instalación.

-Fixen de todo, pero especialiceime en Pintura. Cando sinto unha chamada interior é a pintura, onde me sinto cómodo. Levo 25 anos facendo fotos e a necesidade de ocupar espazos coa instalación tamén me interesa pero o meu é a pintura. Aínda na fotografía, a miña mirada sempre é a do pintor.

-¿Atráelle algúnha técnica nova?

-Agora estou basicamente facendo impresión con plantas e elementos naturais, con sprais acrílicos sobre teas. En Lugo, en maio, teño previsto facer unha instalación pictórica na capela de Santa María, coincidindo co Día Internacional dos Museos. A xente vai intervir levando restos de podas e imos facer como un bosque colectivo. Tamén estarei noutros museos da rede, por exemplo cunha intervención en San Cibrao e outra en Tor. Tamén no Morrazo vou facer un par de murais grandes, con restos de recollida de plásticos e de troncos das praias. Eu son de varias maneiras, pero aínda que sempre houbo un trasfondo individualista, e me interesa o estar so, como unha alquimia interior onde a natureza me axuda, é verdade que agora estou interesado no colectivo e que as miñas obras sexan creadas por xente.

-Como se vostede fora un intermediario...

-Máis ou menos, si. Eu son un facilitador para que se cree o fondo e despois traballo nel.