Rúas sin sinalizar, un mal perpetuo

A MARIÑA

18 abr 2016 . Actualizado a las 17:52 h.

Si vostede vive na zona rural, xa sabe do que lle falo. É algo que normalmente ignoran os que residen nas rúas dos cascos urbanos, onde locen as placas cos nomes das rúas ou das avenidas. A realidade é ben distinta cando un abandona o núcleo e comeza a patear as parroquias, aínda que sexan as máis próximas ao casco. Aínda que haxa concentración de vivendas, non acostuma a haber placas que identifiquen as rúas que pisamos.

Vén a conto o asunto porque en días pasados saiu o tema á luz no pleno de Foz, no que os edís de FPF lle pidiron ao equipo de goberno que proceda a sinalizar as rúas dunha zona moi pegadiña ao casco urbano, a de Forxán de abaixo. A petición reconforta a moitos veciños, pero debería servirlle ao Goberno para tomar nota doutras outras moitas peticións aparcadas durante anos nos caixóns municipais nas que se formulaba a mesma demanda.

Non se piden placas elaboradas pola Cerámica de Sargadelos, como as que acaban de colocar recentemente os Concellos de Ribadeo ou de Cervo. Acceder a este investimento non desangraría as arcas municipais, como tampouco o faría proceder a actualizar o rueiro. As melloras non benefician a uns veciños, permiten por en orde aspectos e detalles moi básicos do funcionamento diario da Administración que di estar máis próxima aos cidadáns.