«O que está pasando alí é outra realidade paralela»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Pablo, á esquerda, califica de «vergoña como tratamos a persoas coma nós»».
Pablo, á esquerda, califica de «vergoña como tratamos a persoas coma nós»». Poa.< / span>

Acaba de chegar de traballar na illa de Lesbos

24 mar 2016 . Actualizado a las 22:26 h.

Pablo Camino (Cuntis, 1989) chegou de Lesbos este martes, despois de dúas semanas traballando coa ONG Proactiva Open Arms para evitar que refuxiados sirios deixen a vida no mar Egeo, fuxindo dunha guerra cruel e buscando un futuro incerto en Europa. Tres anos e medio como rescatador no Pesca 2, con base en Celeiro, e desde hai un ano no Helimer, unha experiencia en tarefas de salvamento que lle permitiron tomar parte nunha misión humanitaria que «non vai ser a última, unha vez que ves a inxustiza cunhas persoas coma nós, que fuxen dunha guerra». Con el ía tamén Rubén Lijó, do Pesca 1.

-¿Como foi a experiencia?

-Moi dura. En 15 días aprendín a valorar moito máis todo, é outra realidade paralela a que parece que se está vivindo alí. O rescate é o meu traballo, pero poder falar con eles, que che conten a súa historia. Ves que teñen a súa casa, que teñen que deixar toda a súa vida atráis e meterse nun bote que a penas flota para chegar a Europa, e moitas veces perden a vida polo camiño. Son xente completamente normal e dá vergoña como os estamos tratando, como se foran delincuentes simplemente por vir.

-Traerá momentos inesquecibles

-Un día tivemos que atender a un barco que traía 150 persoas, e naufragou cerca de terra. Por sorte, salváronse todos. Cando estabamos a a penas un metro del, e parecía que ía volcar, unha nai lanzoume un bebé de menos dun ano, e atopeime co neno nos brazos. Imaxina como tiña que ser a desesperación desa nai que lle lanzou o seu bebé para salvalo a un descoñecido. É tremendo despois cando vas ao campo de refuxiados falar con eles, e ves nas súas caras como che dan as grazas por axudarlles. Deixan todo atrais pero seguen compartindo simplemente unha chocolatina que eu levaba. Que un neno che día unhas leccións de vida tan grandes dá forzas para seguir.

-Foi a primeira experiencia, ¿repetirá?

-Creo que non vai a ser a última. Ves esta inxustiza que se está producindo aquí ao lado, por escapar dunha guerra. Todo o mundo debería ser consciente do que está pasando alí.