Esa é a impresión. Chegou, por fin, o tempo da Mariña, de que se coñeza; de que os propios galegos a coñezan. Hai boas expectativas neste momento.
Quedou patente no Café de Redacción que organizamos aquí, na delegación da Voz en Viveiro a pasada semana. Constátase que esta comarca, a costa de Lugo, está no momento axeitado para crecer, ten posibilidades e se as cousas se fan ben, que seguro que si, esta costa norte terá o efecto dun imán para o turismo. Un efecto maior do que agora ten.
Hai gañas, hai interés e disposición como digo, e hai sobretodo posibilidades. Hai paisaxes, hai beleza, hai festas, hai intención e por fin unión para traballar xuntos neste fin, que tamén é importante.
Hai tamén alternativas, cada vez máis, para que o reclamo non sexa só o sol ou por dicilo doutra maneira, para non depender só e exclusivamente do sol. Ata agora non había demasiadas alternativas, agora si. Xa si. Ofertas múltiples que completan perfectamente unha xornada. Lúdicas, gastronómicas, culturais, verdes (de natureza), non esquezamos a «senda verde» desde Ribadeo a O Vicedo pola costa. E está o Camiño Norte. E está o Camiño do Mar.
A Mariña, de verdade, teno todo practicamente. Hai que saber organizalo. Ao mellor a través dun patronato ou un órgano semellante.
Está o Resurrection Fest. É digno de estudo a dimensión que tomou en tan pouco tempo esta cita. E están os festivais de verán que xa hai e que aínda se han organizar.