«Non hai nada como cear ben e ó final, ós cafés, un pouco de maxia», di o Mago Teto
A MARIÑA
Hoxe hai menús en Casa da Penela (Mondoñedo) e Area grande (O Vicedo)
21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Novembro é literalmente un mes máxico e non só porque pasaremos repentinamente de temperaturas cálidas a frío polar. É o Mes da Maxia, a iniciativa coa que a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense anima ceas con trucos. Teto é un dos magos participantes, xunto cos seus compañeiros de profesión Pedro Bugarín e Rafa, esta mesma fin de semana.
-Vén á Mariña cada fin de semana. ¿Non cansa tanto viaxe?
-Oxalá o Mes da Maxia durase todo o ano, así xa me quedaba a vivir ahí. Comida, praia, a néboa da A-8.... ¡Perfecto!
-¿Non terá algún truco para facer desaparecer esa néboa?
-Se lle vendera a Fomento un truco para facela desparecer...
-Unha broma. A unir gastronomía e maxia xa sabía Xesúcristo.
-(Ri) É verdade, el era un crack porque multiplicaba os peixes e convertía a auga en viño...
-¿Dálle algo de aquel irrumpir de repente na comida?
-Iso pasaba máis o primeiro ano. Xa estamos na cuarta edición. Na primeira era como «romper» a intimidade da parella ou da familia. Sabían que ía haber maxia pero faise entre prato e prato, non cando están comendo, ou cando se sentan e se están acomodando. Daquela tiñas que explicar quen eras, que facías... pero agora están esperando por ti. Ao final da cea, no momento dos cafés, facemos un show típico de maxia de salón, que se pode facer nun teatro ou casa da cultura pero neste caso é adaptado ás condicións do local. A verdade é que está sento tanto éxito este ano que a veces non tes moito sitio para colocarte. A xente está respostando.
-Entón agora máis que chamar ao camareiro chamarán ao mago.
-É moi gratificante. É voltar a facer a maxia de cerca, a que máis me gusta e é a que máis sente o espectador. Voltar aos principios de mago, cando actuabas para amigos e coñecidos. ¡Mola!
-Está claro que os cociñeiros tamén fan a súa especie de maxia.
-Os restaurantes están moi implicados, de feito nótase. Eles son os responsables de que as ceas estean cheas de xente, fan os anuncios, o boca a boca e elaboran menús especiais con nomes moi curiosos. A ver que teñen por aquí para sorprender á xente, preguntan moitos.
-Xa que ten percorrido mundo, ¿veu algunha vez algunha iniciativa similar a esta na Mariña?
-Non só non no resto de Galicia, diría que non no Estado español... e mira que teño estado en ben de sitios e estou ao tanto do que se está cocendo no mundo da maxia. Por iso podo dicir que é unha iniciativa pioneira. De feito na feira turística de Fitur Mes da Maxia levou premio por mellor iniciativa turística.
-Anécdotas haberá a moreas...
-Unha cousa moi íntima é que acabamos sendo colegas cos comensais e os donos do restaurante. Na actuación final para todos a xente xa está máis solta e interactúa máis, está entregada. É moi gratificante. O último día que actuei en Mesón A Garita en Ourol foi bestial. No sitio non cabía nada do pequeno que era e da xente que había pero foi unha entrega por parte do público tan bonita que foi un gusto actuar. Sempre uso a baralla francesa. Acércaseme un señor duns 70 ou 80 anos. «¿Coa miña faríalo?», pregúntame. Foi por ela ao coche e colleu a súa da partida. O señor botaba as mans á cabeza. A baralla estaba dura, ¡tiña vida!
MAGO TETO un dos profesionais que ameniza ceas en «mes da maxia» na mariña
«É unha iniciativa pioneira e levou premio en Fitur»