O traballo audiovisual sobre os seus avós co que opta aos premios proxéctase hoxe na súa terra, ante os seus veciños
26 dic 2014 . Actualizado a las 05:05 h.O 7 de xaneiro Xacio Baño (Xove, 1983) soñará coma un neno con recibir un impresionante regalo de Reis. ¿Óptará finalmente aos premios Goya pola curtametraxe Ser e voltar? Toca agardar a ese día, tralos votos que emitan os académicos a un total de dez traballos, dos cales sairán catro finalistas. Hoxe, ás 19.00 horas no Centro Cívico de Xove dentro do programa municipal de Nadal, se ofrecerá un ciclo dedicado integramente a este xoven director de cine, baixo o título «Na busca dunha mirada» no que se proxectará esa cinta que xa foi a gañadora da última edición do Festival de Cine de Cans máis outras do autor como Estereoscopía, Anacos e Relación de acordes, premiadas.
-¿Pasou o Nadal en Xove? <
-Realmente acabo de chegar e fago a estrea mañá (por hoxe).
-Será con alfombra vermella...
-¡Espero que non! pero si que me fai ilusión. Ata agora estivemos intentando facer campaña con Ser e voltar.
-¿Coma os políticos?
-Parecido. Hai que facerse oír entre os académicos, facer que dediquen tempo a ver a película porque teñen moitas e documentais que ver e realmente o polarizan todo Madrid e Barcelona, mandan moito. Quero dicir que custa moito que vexan a túa peza sobre todo se non eres de Madrid ou Barcelona... case como que non existes. Por iso esta semana din a tabarra [sorrí] para facer a promoción, enviar emails personalizados, falarlles da peza... ¡A ver se temos a sorte de entrar! É complicado, pero si, gustaríame moito que entrase.
-Nela saen os seus avós maternos. Josefa e Ramón, son os protagonistas. Fale máis dela.
-Fíxena para eles, para que entenderan o cine, quería sentirme comprendido por eles e que entenderan por qué necesito o cine e disfruto facendo cine. Disfrutaron moito co traballo, aínda que miña avoa seguía en plan... ?bueno si, pero se tiveses un xornal a final de mes?... Foi unha cousa moi cativa, eu e eles. Pero aínda non entenden como unha peza feita na súa casa, con poucos días, viaxe tanto. Fun ao festival de Locarno e en febreiro irei coa cinta ao de curtametraxes máis importante do mundo, en Francia, Clermont. A maxia do cine é que podes facer cine con nada. Eu con esta última peza sabía que miña avoa íaa levar coa sua potencia ela soa, coa súa personalidade e a química entre os dous... e funciona. Transmite a xente de todos os países, que entende ben a historia, rise e pásao ben. É unha historia universal(...) Meu avó dime ?vanme levar a muller, vanma facer famosa?. Na peza ela fai de actriz e faino ben.
-Agora fale dos outros traballos que tamén se verán en Xove.
-Si. Tamén van ver Relación de acordes, que foi a miña primeira curta realmente, algo bastante amateur, moi conceptual, aínda que teño medo porque todo o que fago é moi conceptual e xogo coa linguaxe, coa música. Estereoscopía estivo tamén en Cans e en Cortocircuito e en festivais por todo o mundo. Estou moi contento con ela, aparte de que, como en Ser e voltar, saen tamén meus avós. Anacos é a que mellor funcionou. Levou arredor de 30 premios e percorreu medio mundo.
xacio baño director de cine de xove