Ribadeo: con sete basta!

MANUEL YÁÑEZ DABLANCA, CONCELLEIRO DO PP EN RIBADEO

A MARIÑA

Imaxe da actual corporación municipal de Ribadeo, con 13 membros.
Imaxe da actual corporación municipal de Ribadeo, con 13 membros.

Resulta tremendamente curioso leer os comentarios da élite corporativa local sobre o futuro político do noso pobo, Ribadeo. Nun momento no que o concepto «asambleario» está inundando os medios de comunicación, nun momento no que o espíritu revolucionario volve a anidar na sociedade, hai unha pugna dialéctica sobre a conveniencia ou inconveniencia para o pobo de aumentar o número da corporación en orde a súa poboación. Imos deixar de lado a discusión sobre as normas establecidas e se estas son ou non son idóneas e deben ou non deben ser cambiadas co curso dos tempos (que é claro que sí), e fixémonos nas declaracións de uns e outros sobre as consecuencias de ser máis de 10.000: para uns con 13 hai suficientes, para outros 7 xa fan o que hai que facer; para este vai supor un custo esaxerado e para aqueloutro non van resolver nada?

Está claro que aumentar a representación cidadá no goberno dun pobo enriquece as posibilidades de evolución positiva, sempre e cando, claro está, cada un deses representantes faga o que ten que facer, e facer o que se debe non depende das ordes do partido ou do que diga aquel ou o outro, senón dunha conciencia clara de responsabilidade de traballo e vontade de progreso, e dunha actitude de comunión e de crítica constructiva que tivemos en Ribadeo desde o 2011, incluso a pesar de que os poderes ideolóxicos de cada partido terciaran para a división e a desunión nos obxectivos comúns.

Ningunear o apoio que para o bo facer social veñen prestando tódolos concelleiros e concelleiras no pazo de Ibáñez, e suliñar o solipsismo de poder como garantía de servizo exitoso supón desdecir os signos dos tempos e augurar un salón convulso e de confrontacións lineais en función da bandeira ou do pendón correspondente. O cambio social debe ser levado a cabo porque supón dar resposta directa á crisis global que trouxeron as estruturas decimonónicas aínda vixentes.

Con sete basta! seguro, e con un tal vez tamén, pero a idea que subxace no cambio político que se aveciña supón dar a posibilidade a máis voces e esas voces terémolas que elixir entre todos, exercendo así o dereito e ó deber de participación inherente á condición de cidadán que, a fin de contas é o principio que non pode ser posto en dúbida.

Manuel Yáñez Dablanca é concelleiro do PP en Ribadeo.