Leiras Pulpeiro

FRAN BOUSO

A MARIÑA

29 oct 2014 . Actualizado a las 12:27 h.

Hai 160 anos naceu en Mondoñedo un home que pasaría a formar parte dun xeito moi destacado do patrimonio humano mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro (25 de outubro de 1854-9 de novembro de 1912). Como poeta e lexicógrafo ten méritos recoñecidos como o que lle outorgou a Real Academia Galega no Día das Letras Galegas no ano 1983.

Leiras, que se declarou e exerceu como galeguista, republicano federal, masón e anticlerical, rematou a súa formación como médico en Madrid e desenvolveu a súa profesión na ?cunquiña deleitosa? cun estilo moi humano, tanto é así que a súa veciñanza o bautizou coma o ?Médico dos pobres?. Foi un avanzado aos seus tempos e moitas das súas ensinanzas aínda son válidas nos nosos días. Loitou contra as inxustizas sociais que se vivían no Mondoñedo de finais do XIX e comezos do XX, algunha delas aínda chegan aos nosos días e/ou se intensificaron recentemente. Era, e segue a ser, un home modesto e así o ten demostrado cando lle propuxeron formar parte da Real Academia Galega: rexeitou o ofrecemento alegando que «non tiña méritos suficientes».

Leiras, como está gravado na súa lápida: «Amou a verdade e praiticou o ben». Hoxe os mindonienses, mariñáns e galegos (debemos lembrar que a efeméride que hoxe celebramos aparece recollida no calendario oficial da Xunta) queremos recordar a Leiras e para elo o Grupo Literario que leva o seu nome ten organizado unha serie de actos entre os cales está unha charla no Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo, organización que está traballando para reducir a fenda social que cada día se fai máis evidente.