A incorporación de tripulantes indonesios obrigou a variar os menús
30 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A José Ramón Seijo Rodríguez (Chavín-Viveiro, 1961) correspóndelle toda a responsabilidade sobre a dieta dos tripulantes do pincheiro Currana Un, con base no porto de Celeiro. Comezou de mariñeiro, «coma todos», e xa leva uns 15 anos de cociñeiro. Os comensais non se queixan, sinal da súa habilidade e bo facer nos fogóns. Dende que se incorporaron á tripulación os indonesios tivo que aprender novas receitas.
-¿Como se calcula a comida necesaria para botar un mes ou dous en alta mar?
-Eu fago o cálculo fácil. Co armador do Currana Un non teño problema, organízome e compro a carne ao por maior, un tenreiro, un cocho, dous cabritos..., así sáeme á metade de prezo. Gárdoo na cámara da lonxa e despois vou collendo o que me fai falla. O resto, incluidos os polos, mércoo no supermercado. Dende que andan os indonesios no barco levo sacos e sacos de arroz, porque comen todos os días un quilo no xantar e outro na cea. É como para nós as patacas, mistúrano con verduras, con salsa, con carne... A eles non lles podo dar carne de cocho, pero do resto si que comen.
-Levan verduras...
-Cada marea cargamos unha caixa de repolo, unha de coliflor, cinco quilos de pementos verdes e outros cinco de pementos roxos, 15 quilos de tomates, dez quilos de cebolas, unha caixa de leitugas, pepinos, sandías, melón... Vai de todo, verduras, legumes, froitas, 150 iogures (no verán sustitúoos por outros tantos xelados). Cómese un cacho mellor no barco que na casa; polo menos eu na miña non como así.
-Unha nutricionista dicía esta semana que en Viveiro había un problema de sobrepeso entre os mariñeiros. Non o parece con esta dieta tan variada e saudable que vostede prepara.
-Aquí está gordo o que quere. Eu teño algo de peso porque estou na cociña e ando pica que pica, pero mira para os indonesios, non están gordos e non é porque non coman. Tamén depende de cada un. No Currana Un nunha marea case non repites pratos, salvo as lentellas, que aos galegos nos gustan moito. Todos os días preparo unha sopa, de verduras, de peixe... Pero variamos moito, peixe ao forno, frito, á prancha... E a mellor pescada, a máis grande é para nós; sempre que vén marisco vai para a pota, ou palometa roxa ou mero, comémolo nós.
-¿Son caprichosos os mariñeiros á hora de comer?
-Se lles fas caso si son caprichosos, sempre protestan por algunha cousa. Pero alí hai aquela comida e cómese... Eu tampouco teño queixas, case nunca protestan, eles din que o fago ben, se non non me habían querer nos barcos. Moitas veces a comida é a paz de todos, se se come ben non hai protestas a bordo. Aquí cómese de todo e aprovéitase o que sobrou a mediodía para preparar un primeiro para a noite, non tiro nada.
-¿E cando está en terra cociña?
-Na casa só cando é algo de parrilla ou somos moitos a comer. Se non, faino a xefa.
josé ramón seijo rodríguez cociñeiro do pincheiro «currana un»
«Moitas veces a comida é a paz de todos, se se come ben non hai protestas a bordo»