«Agora voume entregar á tarefa de recuperar para o PSOE esta comarca»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Os resultados do 22-M e a falla de pactos obríganlle a cambiar o Concello por Alcoa

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hoxe será o último día desta etapa vital de José María García Rivera (PSOE) como alcalde. Deixa atrais miles de xestións e de anécdotas de 16 anos como rexedor de Foz, o mandatario local que máis tempo se mantivo no cargo de forma ininterrumpida.

-Dezáseis anos dan para opinar moito, pero ¿que valoración fai a nivel xeral deste período?

-Os meus equipos de goberno merecen unha nota altísima. Fixemos moitas cousas polo municipio de Foz, e digo municipio porque desde Cordido ata San Acisclo pasando por todas as parroquias, foi enorme o traballo que tivemos que facer, é incalculable o valor das cousas que fixemos. Estamos ante os feitos do noso traballo e creo que fixemos unha gran labor.

-Gardará lembranzas especiais da súa relación diaria cos veciños e do seu trato con autoridades...

-Por Foz pasaron as persoas máis grandes da política deste país. Emocioneime moito cando estivo aquí Felipe González, co noso equipo de goberno e cos cidadáns. Por aquí pasaron Alfonso Guerra, José Luis Rodríguez Zapatero, Manuel Fraga Iribarne, Pérez Touriño, o Defensor del Pueblo Álvarez de Miranda... todos deixaron recordos gratos. Todos os que pasaron por aquí, tiveran cargo alto ou baixo ou sen cargo, todos deixaron un bo recordo.

-Sempre defendeu que un dos seus obxectivos era abrirlle o Concello aos veciños... ¿Deulle máis disgustos que satisfaccións?

-Non me deu ningún disgusto. A porta do meu despacho sempre estivo aberta para calquera veciño, con cita ou non. Eu estou contentísimo de facelo. Os veciños sempre accederon a min na rúa, no bar, no teatro, no baile... Iso era o que tiñamos nós e por iso nos aguantamos aquí tantos anos e nos votaron os veciños tantas veces. Estabamos preto da xente, as 24 horas pendentes da xente. Había un incendio ou unha inundación, e alí ía o alcalde...

-¿A súa labor de alcalde fíxolle cambiar a visión que tiña de Foz?

-Hai que pensar que cando chegamos ao goberno non tiñamos case nada en materia de servizos e de edificios públicos. Non tiñamos centro de saúde, Casa da Cultura, piscina, o Cenima, centro social, Casa da Xuventude, nin estación de autobuses, nen a segunda gardería, nin saneamento nen auga nas parroquias... E o urbanismo foi unha transformación. Xurdeu o bum urbanístico que nos cazou no medio e non lle podías dicir que non a unha licenza que era correcta. O que deixamos turísticamente tamén é importante. Fixemos paseos marítimos, somos os que máis bandeiras azuis recibimos este ano... todas cantas xestións fixemos foi en favor do noso municipio. Vou moi satisfeito de todo isto. É unha pena que neste concello se rexistrara un resultado electoral que deu oito progresistas contra cinco persoas que pertencen á dereita, ao PP. Pero houbo un engano por prate dalgúns deses oito; tres apañaron votos seguramente de progreso e do socialismo e van utilizalos para darlle o goberno á dereita. Unifoz non quere votar a un alcalde socialista e vai favorecer que chegue a dereita. Iso non o faría o PSOE. O que nós non podiamos facer era claudicar e entregarlles os nosos votos a un partido que sacou menos votos ca nós. Iso nunca nolo perdonaría o electorado socialista. O PSOE é un partido, unha institución, mentres que Unifoz é un grupo que pode estar hoxe e mañá non. Este señor de Unifoz foi o que realmente se cargou o pacto de progreso coa súa cerrazón. O PSOE vai cumprir co seu deber. Nós, por fastidiar ao PP, podiamos chegar mañá e darlle os catro votos a Unifoz, pero a política non se debe rexer por despechos, débese rexer pola cordialidade, seriedade e rigor.

-Conservou durante anos unha alcaldía que foi o bastión do socialismo na comarca ¿séntese recompensado polo partido?

-A este partido dinllo todo. Cando fun nomeado secretario xeral da comarca subeu para arriba como a espuma. Creo que fun un referente claro porque aguantei só, como único rexedor socialista na comarca. Despois fomos conseguindo Viveiro, Ribadeo, Burela, Mondoñedo, A Pontenova... fomos traballando duro. Sempre dixen ?un home, un cargo?, cumprín e nunca me movín de aquí. Non sei qué pensarán de min os meus compañeiros de partido a nivel comarcal, pero sei que traballei arreo para levantar todo isto. Non quero ser máis nin menos que ninguén, pero quédame moita corda para rato. Vou traballar duro e o PSOE nesta comarca ten que saír para arriba coma un tiro. Agora, voume entregar á tarefa de recuperar para o PSOE esta comarca. Somos un partido que volveremos estar en todos os gobernos.

«A porta do meu despacho sempre estivo aberta para calquera veciño»