«Gres Burela vai ser competitiva de novo a nivel internacional»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

A empresa constrúe en Fazouro (Foz) a nova pranta de produción

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Só con que o mercado galego asumira o 50% da produción de Gres Burela poderiamos crear uns 300 empregos directos e máis de 750 indirectos». Son os cálculos que fai Miguel Rey, conselleiro da empresa Materiales Cerámicos S.A. quen esta semana lle explicou ao conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, os detalles da creación dunha empresa de referencia. A nova pranta de produción terá 40.000 metros cadrados e constrúese no polígono industrial de Fazouro (Foz), nunha superficie de 120.000 metros.

O obxectivo é manter a produción de cerámica para exteriores e producir tamén revestimentos e cerámica de interiores. O conselleiro Miguel Rey cifra en 24 millóns o custe desta nova aventura empresarial, dos que 7,3 millóns proceden dun préstamo con fondos do Banco Europeo de Inversiones e 2,2 dunha subvención da Xunta a través do Igape. O Ministerio de Industria, a través do Plan Reindus, concelledeulle á empresa 800.000 euros.

-¿Cando se fixo cargo da fábrica Materiales Cerámicos?

-En xullo do 2005, antes xestionada por dous fillos do accionista maioritario. Esta fábrica tiña 50 modelos de cerámica no mercado e só se vendían 6. O resto, non era representativa a súa venda, vendíanse moi poucos. Cambiamos todos os modelos e en 2007 xa conseguíramos dobrar a facturación con respecto a cando collimos a fábrica.

-No 2005 fixeron un estudo para coñecer as referencias que o mercado tiña da marca...

-E o estudo revelou que a marca é moi aceptada por todos os almacenistas e distribuidores.

-Deixaron de producir nas instalaciósn de Burela no 2009. Ata ese momento ¿canto vendían para exportación?

-Sempre andivemos entre un 15 e un 20%; o último ano un 20%. Tendo en conta que a Portugal non o incluimos como exportación, os países que máis nos compran son, principalmente, Inglaterra, Irlanda, Grecia, Malta, Chipre, Puerto Rico, Colombia, Uruguay e Estados Unidos. Eu non fixen labor comercial nestes países, podemos dicir que son históricos compradores.

-Entre o 2009 que deixan de producir e o día de hoxe ¿que ocorre cos pedidos?

-Estamos atendendo aos clientes co stock que tiñamos, ademais de estar volcados coas obras da fábrica nova. As obras civís comezaron no 2010 e nos gustaría que estiveran rematadas a final deste ano. O que temos claro é que no 2012 imos estar producindo, coincidindo co 110 aniversario da fábrica.

-¿Que producirán?

-Imos manter os modelos de cerámica que máis saída teñen no mercado e tamén imos introducir modelos novos. A parte de exteriores, queremos entrar no mercado dos revestimentos e no mercado de interiores.

-Anuncian a creación de cen empregos ¿a incorporación será de forma progresiva?

-Das cen persoas que van a traballar na fábrica todas van a ser de Foz, Burela e arredores, salvo dúas persoas. O director comercial de exportación vai ser unha persoa moi importante que ven de Castellón, e a outra vai ser un enxeñeiro químico acostumado a poñer en marcha moitas fábricas. El é nativo de Valladolid, pero puxo en marcha moitas fábricas en Castellón, Marruecos, Venezuela e en moitos outros países. Queremos que a primeira produción vaia para a venda. Calculamos que durante o 2012 iranse incorporando de forma progresiva os 100 traballadores que contamos ter. Na primeira fase calculo que haberá 70.

-A produción de cerámica concéntrase na zona do Levante ¿que diferencia a Gres Burela dentro do mercado nacional?

-O primeiro son as materias primas. Somos propietarios das materias primas e temos minas de feldespato en Silán (Ourol-Muras) e en Viveiro, e tamén temos minas de arcilla.

-¿Poderán competir con Castellón a nivel internacional?

-Imos a ser competitivos con Castellón a nivel internacional. Coa fábrica nova imos estar entre as primeiras vinte fábricas de España en calidade e produción. Seremos capaces de facer modelos que demanda o mercado. En Castellón hai xente que vende 60-60 (medida da peza) e que está comprando en China, pero hai moi pouca xente que faga 60-60.

-¿De que país procede a maquinaria para a nova nave?

-A nave constrúea Construcciones Mon e a maquinaria é de Sacmi, de Ímola (Italia). Dentro do mundo da cerámica, esta firma ven a ser o que a Mercedes no mundo do automóbil. A cerámica hoxe en día é moi parecida ao mundo textil; cambios rápidos e moda. A primeira cerámica a nivel mundial en prezo é a italiana e a segunda, é a española. En calidade, todo o mundo di que é a española.

-¿Canto estiman que venderán o primeiro ano de produción?

-No ano 2013 calculamos andar por enriba dos 20 millóns de facturación.

-¿Manterán a marca?

-Si. A nivel internacional estamos publicitando a marca Gres Galicia, e a de Gres Burela no mercado nacional.

-¿Como sairá de Fazouro a produción para a exportación?

-O 80% sairá a través do porto de Vigo.

-¿Cal é o panorama da industria da cerámica en España?

-No 2000 había 206 prantas de fabricación de cerámica en España e cando cerre este ano quedarán en torno a 80 ou 90. Co peche da fábrica de Ferrogres, en Galicia e en todo o norte de España só queda a nosa fábrica de produción de cerámica de pavimento.

miguel rey conselleiro de materiales cerámicos S.A. (gres burela)

«No norte de España só queda a nosa fábrica de cerámica de pavimento»