O capitán do Foz, Javi Chinchón (Foz, 1978) é consciente da importancia dun choque no que cre que o empate non lle sirve a ningún dos contendentes, polo que prognostica que se verá un encontro «máis aberto que o da ida».
-¿Como afronta o Foz este encontro?
-Vimos do parón e de sumar dúas derrotas, ante Dorneda e Betanzos, polo que practicamente levamos un mes sen puntuar e chegamos coa necesidade imperiosa de facelo. Recuperamos a Rubén e tamén contamos con Cristian, que está collendo o ritmo e nos pode aportar moitas cousas, pero aínda arrastramos baixas como a de Diego Hermida.
-¿Que Viveiro se espera atopar?
-A verdade é que só os vin no partido da primeira volta, pero sabemos que ten xente de calidade como Aurelio, Pablo Lago, Pablo Coello ou Pedreira e que teñen que agarrarse ao cravo de gañarnos. Saben que se o fan darán un pasiño adiante importante e tamén que nos meten a nós de cheo no descenso. Creo que se para nós é importante este encontro, para eles éo moito máis.
-¿Este derbi pode condicionar o futuro das dúas escuadras?
-É unha auténtica final para os dous. O que gañe sairá bastante reforzado e deixará ao rival un pouco tocado. No caso de que venzamos nós serían catro puntos, porque case seguro que tamén nos faríamos co goal average particular.
-¿Agarda un partido como o da ida?
-Penso que eles a Foz viñeron a buscar un empate, coa posibilidade de levarse a vitoria nunha contra, e así o conseguiron. Pero creo que na casa teñen que ir a polo partido e nós tamén, porque o empate non nos vale a ningún dos dous. Por elo considero que vai ser un partido máis aberto, de ida e volta.
-¿Que é o que máis lle preocupa do conxunto celeste?
-Pois quizá o ataque, os xogadores de moita calidade que teñen arriba. Se cadra a zona de atrás sexa a máis débil deles, polo que creo que se temos a posesión do balón e atacamos, poden sufrir moito. Se pola contra teñen eles o balón e nos conseguen meter atrás, creo que poden chegar con moito perigo e nós non teremos a arma de Diego Hermida, que con David Rodríguez metían moito medo ao contragolpe.
-Se o puidese facer, ¿de que xogadores do rival prescindiría?
-Quitaría a Pedreira e a Aurelio. O primeiro porque é o goleador do equipo e cando el non marca o Viveiro teno difícil para gañar, e o segundo porque é un futbolista de moita calidade e é o que nutre de balóns desde a banda á dianteira.
-O técnico e algúns de vostedes teñen xogado no Viveiro. ¿É isto unha vantaxe?
-Suso Martínez é o que maior coñecemento pode ter dos xogadores, pero creo que nestes derbis nos coñecemos bastante ben todos e penso que non vai ser un factor determinante.
javier méndez, «javi chinchón» capitán do Cd foz