«O carnaval vívoo dende nena»

ana f. cuba FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

A raíña honorífica do antroido de Foz contaxia as gañas de pasalo ben

06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Naceu en Viveiro, pero é focega dos pés á cabeza. Concha Pinto Ferreira marchou de Vieiro aos dous anos e medio e criouse en Foz, na praza, ao pé da igrexa. Da infancia lembra ao mestre don Manuel, que impartía clase nunha casa vella, e a alegría. «Eramos cinco irmáns, tiven unha nenez moi divertida, gustábame xogar. Meu pai era albanel e miña nai, ama de casa, tiñan máis queixa de min que de meus irmáns; castigábanme e non me deixaban saír, e eu marchaba por unha ventá», relata. Con 75 anos mantén o entusiasmo e o espírito transgresor.

Aos 18 casou, tivo unha nena que faleceu e un neno, Xoán. Case nada a fai tan feliz coma os dous netos xemelgos, de 13 anos, cos que toca no grupo da Subela. «Os nenos empezaron a ir a baile e con eles empecei eu». Un toca a gaita que lle regalou a avoa, co punteiro de Seivane, e o outro, o tamboril, que tamén lle mercou Concha. «Eu ao principio bailaba, agora toco o tamboril, o bombo e a pandeireta, e canto... Fágoo bastante ben, non é por chufarme», confesa.

Pero a meirande paixón de Concha é o carnaval: «Dende pequena... Xa estaba casada e dicíame o home, que era mariñeiro e redeiro, ?non te disfraces?. Eu vixiaba e cando saía xa me vestía e ía polas casas. Sempre me disfracei, unha vez de don Ciruelo, cun vestido de lunares, ía con outra e atopamos ao meu fillo no cine e non nos coñecía... Bueno, iso foi o que dixo», recorda. No desfile de Foz participou sempre, salvo o primeiro ano porque acababa de morrer seu pai. Antes xa se ataviaba con calquer cousa e andaba de noite polas casas de Marzán -«dábannos rosquillas»-.

Os bailes da sala Bahía

Para As Tres Conchas, como eran coñecidas ela e as súas amigas, o carnaval comeza o primeiro domingo de febreiro. Disfrázanse para o baile da sala Bahía e repiten cada domingo, ata que rematan as festas. Este ano, cadraron mal as datas da viaxe do Imserso a Benidorm, pero Concha meteu un vestido na maleta para disfrutar alí destas celebracións. Hoxe é a raíña honorífica do carnaval de Foz. Reinou durante sete anos, emulando a Bárbara Rey, cun vestido branco, coroa e unha cobra nun cesto, e a outros tantos persoaxes, moitos televisivos. Viaxaba a Madrid para mercar o xénero «porque aquí non había, ata que abreu Pura». Ela deseñaba e Carmen cosía; agora lévallos a Belén, tamén modista. «Algún costoume 25 pesetas, só a feitura».

«Aos sete anos (de trono) pedíronme se o quería deixar para dar paso á xuventude e quedei de fada madriña». Segue lucindo máis ca ninguén no desfile, con traxe de volantes, con cancán, de dama antiga, emulando a Maira Gómez Kemp no Un, dos, tres, de faralaes, con perruca roiba... Pertenceu á comparsa A Rapadoira, agora desfeita. Un ano formou parella con seu cuñado, que xa faleceu: «Non nos coñecía ninguén, levabamos unha maleta chea de bragas e sosténs». Ata se vestíu de noiva, cun traxe prestado e un ramo de cimós: «O noivo dicíame ?a onde imos de lúa de mel??. ?A Mondoñedo?». No baúl garda as imaxes da cerimonia, coa tarta, no Leytón. «Un ano iamos catro amigas de sereas, chamou a atención e gañamos un premio en Ribadeo (a Burela deixaron de ir porque nunca lles daban galardón)». Canto ten chorado no Enterro da Sardiña. «E canto frío teño pasado», recoñece.

Hai roupaxes que pesan moitísimo: aquel vestido de volantes, con pololos e sombreiro. E outras lixeiras, coma o traxe de baño de época; prestouno, perdéronlle o gorro e agora quere ter outro. Tanto baila capoeira en Torremolinos, como se disfraza de exipcia cunhas sabas brancas en Benidorm. Unha vez o vento leváballe o plumeiro da cabeza, no desfile de Foz. «Sacara un disfraz dunha revista que viñera do estranxeiro, pero choveu e molláronse as plumas», di entre risos.

O maratón de San Martiño

A última elección de Concha é un traxe «todo de caracois no corpo e por debaixo facendo de vieira, do mesmo xénero». Este ano vai perder o Touporroutou -«cantamos e toco a pandeireta, pásoo moi ben»-. Antes, en Foz celebrábase un anticipo do carnaval o último domingo de agosto: «Facíase un maratón e iamos a San Martiño en bicicleta disfrazados... Vai boa, aquilo acabouse», lamenta. As fotos dan fe daquelas festas.

«Sonche moi teatreira -recoñece-, estou facendo comedia todo o tempo. Tamén fun a clases de baile, con Concha Viamonte, que leva o estandarte da Subela». Agora está aprendendo batuka e non perde ensaio de tamboril, pandeireta e canto. Ten incluso xogado ao fútbol, de porteira, iso si, con pouco éxito: «Non parei un, ía sen gafas e non vía nada». E no mes de maio xa comeza a baixar á praia, ás Penas. Cal é a fórmula para tanta enerxía? «Ter gañas de vivir e de pasalo ben... Xa me chamaban Lina Morgan. E o carnaval..., o carnaval vívoo».

Concha Pinto Ferreira

75 anos

Xubilada

Canta, toca a pandeireta e o tamboril na Subela, e está aprendendo a batukar