César Arba di a verdade cando fala de dous candidatos á secretaría comarcal da CIG na súa carta publicada o pasado día 3, pero minte cando asegura que un deles representa ao BNG e o outro ao sindicato. Que eu saiba, ambos son membros do sindicato, polo que tan lexítimo é o un como o outro.
Ademais, non teño coñecemento de que o BNG se presente ás eleccións internas da CIG.
Pero é que, compañeiro, hai catro anos, cando Pintos se presentou, pertencía ao BNG e non tivo problema algún en utilizalo para buscar apoios, entre eles o teu. Daquela, a afiliación política do candidato non parecía importarche e debe de seguir sendo así posto que Pintos continúa vinculado a unha organización política, o Movemento pola Base, que se nutre case en exclusiva da CIG á hora de captar adeptos; «Crecer desde a CIG», din eles. Recoméndoche que entres na súa páxina web e leas o manifesto «A CIG que Galiza precisa».
Afirmas ter unha traxectoria sindical máis longa que a de Manel Grandal, ¿e qué ? E que nunca ocupaches posto de responsabilidade algún a pesar do teu extenso periplo. Se cadra non quixeches? ou non te quixeron.
Estás moi mal informado con respecto a Manel. Resulta que non está liberado. É membro do comité de Empresa de Navantia Ferrol, elexido por un tercio dos máis de 2.000 votantes.
Só os fascistas e reaccionarios poñen en dúbida o resultado da vontade popular libremente expresada, neste caso, nunhas eleccións sindicais.
Quixera lembrarche algo que pareces ter esquecido: os que defendemos a candidatura de Manel formamos parte da maioría que gañou o quinto Congreso Confederal e do que saíron os órganos de dirección e as normas polas que nos debemos rexir, normas estas que cando non vos conveñen optades por levar aos xulgados. Por certo, ¿de onde saen os cartos necesarios para por en marcha esta voráxine xudicial? Non creo que os poñades dos vosos petos polo que supoño, só supoño, que utilizaredes cartos do sindicato para ir en contra do propio sindicato. Cartos dos afiliados. Soa surrealista.
Curiosamente non xudicializáchedes a desaparición de 90.000 euros das arcas. Vós, que tan proclives sodes a poñer todo en mans da xustiza, optastes neste caso por mirar cara outro lado e de non ser por nós, os de Manel, e pola Executiva Nacional, é moi posíbel que algo tan grave quedase silenciado.
«Non abandonaremos o barco»
Non te preocupes que aínda que perdamos a Asemblea Comarcal non imos abandonar o barco, querémoslle demasiado a este proxecto. Sodes outros os que, polas vosas ansias de protagonismo e de poder, abandoades aqueles lugares onde se vos frenan eses ímpetus persoais tentando atopar entornos onde vos resulte máis doado trepar.
Por certo, se polo ben deste proxecto no que temos fe cega os compañeiros decidisen que algúns de nós deberiamos apartarnos para darlle entrada a outros, acatariámolo sen rechistar e voltariamos encantados aos nosos traballos. Nós podémolo facer pois non dependemos da central sindical para vivir, outros non poden decir o mesmo. Se cadra por iso non lles importa desmantelar o sindicato en Ferrol se con iso consideran que aseguran os seus postos de traballo.