Esta semana superou a proba na orquestra como contrabaixista
03 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ángel Leitao Salgueiro acaba de ver cumprido un soño: formar parte da orquestra de RTVE, unha das orquestras de maior prestixio. A súa vida, como el mesmo recoñecía onte ó falar ca Voz, acaba de dar un cambio moi importante, un salto tan grande coma un soño. Onte, de feito, pillámolo pola tarde facendo as maletas na casa disposto a marchar mañán mesmo para Madrid. É súa a praza de contrabaixista.
Madrid, a orquestra de RTVE, palabras maravillosas agora, demasiado. Ángel Leitao estaba onte, de verdade, emocionado, satisfeito, gozoso. Iso que non paraba de colaborar coa Real Filarmonía de Galicia, coa Orquestra do Principado, etc.
-Este salto é moi importante para un xoven.
-Para min é un soño. É un soño. É unha gran oportunidade. Vou a unha orquestra grande, potente; xa che digo, é un verdadeiro soño. Vou ter de compañeiros a mestres que me estaban dando clases ata agora. É algo maravilloso, non. Vou a unha orquestra profesional, con ensaios diarios, dous concertos por semana, en fin.
-Como foi todo, como chegou esa oportunidade para vostede, ese salto?
-Foi moi rápido todo. O martes da semana pasada fixen unhas probas en Madrid; foi xa para min unha viaxe relámpago porque estaba ensaiando coa Real Filarmonía e saín despois do ensaio e, bueno, todo saiu ben. Ese mesmo martes pola tarde xa me comunicaron que superara as probas e aquí estou, facendo as maletas neste momento.
-Incorpórase xa? Ten resolto temas, quizáis menores como a residencia e iso?
-De momento acóllenme na súa casa en Madrid uns amigos, porque afortunadamente neste mundo da música fanse bos amigos e nestes primeiros días, esta tempada, vou estar con eles na súa casa.
-É un posto fixo?
-Fixo non, é para cubrir unha excedencia especial dun dos membros da orquestra tamén un pouco especial.
Ángel Leitao ten tamén unhas palabras de agradecemento para os profesores Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música de Xove (onde el se formou), e para Xulia, a súa profesora de contrabaixo. «Agradézolles moito todo o traballo que fixeron con nós, conmigo e con todos os demáis compañeiros, e que seguen a facer na escola. Pelexaron e pelexan moito e o resultado estase a ver xa nos últimos anos, eu creo que dese hai xa uns dez anos».