Cara a cara coas eivas da vida

A MARIÑA

O burelense Pablo López Deán atopou na área de Cooperación Internacional de Cruz Vermella unha vía para loitar contra as inxustizas, que sempre aborreceu

12 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva máis de dous anos fóra da casa e este mes de maio, que pasou en Madrid, veu cada fin de semana para compensar tantas ausencias. Pablo López Deán (Burela, 1978) estudiou Traballo Social, entre a Universidade de Santiago e a de Neubrandenburgo, localidade situada ao Norte de Berlín. «O primeiro ano marchei cunha beca Erasmus e o segundo estiven cunha beca do Goberno alemán, mentres remataba a carreira traballaba nun departamento de xuventude», conta. Aquela experiencia «foi moi boa» e serviulle para ver que «hai outras cousas fóra de Galicia». De alí quizabes lle vén a paixón por viaxar. E, sen dúbida, as maldicións que aínda ás veces bota súa nai por telo tanto tempo lonxe da casa.

Este rapaz burelense rematou a carreira en Alemania e, ao pouco de voltar, comezou a traballar en Santiago, nun proxecto de axuda a domicilio impulsado pola Xunta de Galicia, en colaboración con Cáritas. E de aí pasou a Cruz Vermella: «Empecei con xente da terceira idade e despois cambieime para o plan de inclusión de persoas sen teito; paralelamente colaboraba como voluntario no departamento de Cooperación Internacional». Xa cando entrou na universidade colaboraba con organizacións de comercio xusto.

A súa primeira misión

Despois de facer varios cursos de formación e un máster de cooperación, animouse a dar o paso: «Como todos os cooperantes sentes un pouco de recelo, sobre todo incertidume». Ata que a comezos de 2007 emprendeu a súa primeira misión como cooperante internacional con Cruz Vermella, en Angola. «Ía para un ano e ao final botei dous e pico». Retornou en abril deste ano e durante todo o mes de maio asistiu a un curso promovido polo Ministerio de Defensa sobre observadores internacionais en misións de paz.

A súa intención era tomarse un par de meses de vacacións, «sobre todo para poder disfrutar da familia, e eles de min», pero xurdiu a oportunidade de tomar parte nun novo proxecto en Cabo Verde, e cara alí partíu. «É un proxecto de reforzo institucional que ten Cruz Roja Española, en colaboración coa Federación Internacional de Cruz Roja en Ginebra, para fortalecer a Cruz Vermella caboverdiana». A súa misión consistirá en reforzar ao persoal local e formalo no eido da prevención de catástrofes. Despois virá o ansiado descanso. «Imaxino que volverei a saír, pero levo fóra da casa dende febreiro de 2007. Iso é o que peor levas neste traballo».

Unha especial sensibilidade

Cando se decidiu por Traballo Social, López Deán non pensaba facerse cooperante, unha profesión para a que non bastan «unha formación e uns coñecementos teóricos». «Necesítase algo máis, certa sensibilidade. Dende moi xove sempre estiven metido en temas de asociacionismo, con moitas inquedanzas... Como á maior parte da xente fastidiábanme moito as inxustizas, o que eu cría que eran inxustizas», comenta.

Antes da cooperación internacional, traballou en Galicia, coa terceira idade, con persoas sen fogar, toxicómanos, xente con problemas de alcoholismo, víctimas de malos tratos, inmigrantes e outros colectivos marxinados. «Ás veces a xente diche 'como aguantas con tanta miseria?'. E en realidade aquí, en Galicia mesmo, hai moito traballo que facer». Nin neste lado nin en zonas con niveis de pobreza moito máis elevados se pode render un. «Se caes ao chan o primeiro que tes que facer é levantarte e seguir ao fronte. Moitas veces sentes impotencia, fóra e tamén na nosa realidade máis próxima, pero hai que seguir a loita».