Gandeiros e a moita honra

A MARIÑA

A explotación da familia Fernández Cobo é a única que queda no lugar de Meirengos, na Devesa. Agora afrontan a peor crise sen perder a esperanza

07 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Na casa de Angustias Cobo Barrera sempre houbo explotación leiteira. Antes era familiar, con ordeño manual. Hoxe é unha granxa moderna, cunha producción anual de 1.100.000 litros, que loita por tirar adiante nun tempo dramático. A gandería de Angustias e o seu home, xubilados, está en mans dos fillos, José Ángel, Gilo , que se incorporou hai máis de 20 anos, e Juan, que chegou máis tarde.

Anque xa leva un tempo retirada, Angustias «é a alma da gandería, a peza fundamental», reitera Gilo. O lugar de Meirengos, na parroquia ribadense da Devesa, era unha zona de moita actividade gandeira, pero xa non quedan máis explotacións que a súa. De pequenos, José Ángel e o seu irmán alindaban as vacas pola corda. O día que chegou o primeiro tractor á casa, os cativos viñan co gando, deixaron a corda e botaron a correr cara á máquina. «Debe haber 35 anos», lembra.

O establo e o Simca 1200

A Gilo, técnico electricista, sempre lle gustou o campo e os animais e sempre se implicou no traballo da casa. Conta que a evolución da granxa comezou xa en 1978, cando iniciaron a estabulación libre, con 18 vacas. Daquela, seus pais conseguiron un crédito de 900.000 pesetas (que representaban ben máis dos 5.400 euros actuais), outorgado pola Agencia de Desarrollo Ganadero. Coa axuda dos veciños construíron o novo establo, con capacidade para 20 cabezas. «E aínda sobraron cartos e compramos un Simca 1200 (que substituíu ao Simca 1000)», contan.

Tamén houbo bos tempos

Naquel tempo a familia Fernández Cobo vendíalle o leite á empresa Arias, moi destacada no sector. «Xa nos facía separar o leite, se lle dabamos un tratamento con antibióticos a unha vaca, había que tiralo. Hoxe é obrigatorio pero nós xa o faciamos, foi a primeira norma que nos deron, ensináronnos a facer as cousas moi ben», recalcan. O prezo do leite chegou ás 60 pesetas (0,36 euros), hoxe ronda as 45 (0,27). Gilo fala da «alarmante» situación do sector e apela á concienciación social para poñerlle freo.

Cando el se incorporou, en 1988, nada máis rematar Electricidade, xa había 50 vacas. Ao primeiro non lle asignaron soldo. «Colliamos todos do montón». As cousas comezaron a ir ben, cun salario digno, en 2003. E foi tamén «cando empezaron os problemas, comprouse moita cuota, fíxose o establo novo e as salas de ordeño, e aumentáronse moito as vacas». A producción foi medrando ata os 1,1 millóns de litros actuais, e ao tempo foron subindo os gastos. «Antes era máis rentable porque ti ensilabas o millo e a herba, só comprabas o pienso», explica.

De feito, houbo unha época na que o forte da alimentación do gando eran os pastos. Con 115 reses «é imposible». Iso que se fixeron concentracións e se abriron pistas pero, afirma Gilo, «está o problema do turismo». «Ao turista gústalle ver a vaca pero chéiralle, en seguida di 'que mal huele'. Aquí, cerca das praias das Catedrais e dos Castros... Hai que resignarse e mercar case todo, xa nolo trae á casa un particular, cun camión con silo de millo, pienso e todo».

«Esta explotación daba perfectamente para vivir tres familias, pero non da, miras os extractos do banco e todos os días leva alguén algo, pagas moitísimo a Facenda... Este é o momento máis crítico que recordo. O pouco que tiñas aforrado telo que usar e volver a partir case de cero. Fixeches unha inversión enorme como para dicir 'podo ter un obreiro', pero non podes, tes que estar ao pé do canón». A pesares de todo, Gilo é optimista e quere lanzar unha mensaxe de esperanza.

Coa cabeza erguida

«A min encántame o campo. Non nos podemos sempre aflixir nin esconder de todo o que nos fan. Hai que erguer a cabeza. Mal sexa que veñan tan malas que haxa que abandonar. Un país sen gandería, sen carne nin leite, sería catastrófico, e xa estamos invadidos con leite de fóra». Seus pais, que lle aprenderon case todo, comparten a súa preocupación. E incluso Antía, «unha nena estupenda», de 23 anos, estudiante de Traballo Social, que herdou o carácter da avoa. Ela ten claro que o seu devir profesional está fóra do campo, pero vén a miúdo, axuda e implícase coma quen máis.

As vacas, por certo, teñen nome e carta xenealóxica. E Gilo coñéceas a todas, dende que paren por primeira vez.