«A continuidade do equipo na División de Prata está asegurada»

A MARIÑA

O presidente garante que o equipo feminino tamén competirá en Honra e contemplaría a posibilidade de que tamén o fixese o masculino, se lle ofrecesen unha praza

04 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Á fronte do Burela FS seguirá José Ramón González Casas (Burela, 1974) por segundo mandato consecutivo, logo de que a lista que o empresario burelense preside fose a única que se presentou na asemblea extraordinaria celebrada antonte pola entidade laranxa. Aínda que o presidente non pode avanzar moitas cousas no plano deportivo, si asegurou a continuidade do equipo en Prata, «sen ningún tipo de problema».

-¿Contentos por continuar á fronte do equipo ou no momento de crise actual é case máis unha carga?

-Non, estamos contentos. Loxicamente non era o momento de deixar o club, se non había unha alternativa. Como neste casa non a houbo, decidimos continuar nós. E seguir á fronte non o considero un inconveniente, pero si que teremos que adaptarnos e facer un proxecto axustado á medida das posibilidades que teñamos, como sempre se fixo.

-¿É posible que se vexan obrigados a renunciar á División de Prata?

-Non, nin moito menos. A continuidade do equipo na División de Prata está asegurada, sen ningún tipo de problema. O orzamento seguramente será máis reducido, pero economicamente a continuidade é segura.

-No caso de ofrecerlles unha praza en Honra, ¿contemplarían esta posibilidade?

-A realidade é que aínda non se sabe quen vai saír en Prata e quen o vai facer en Honra. Creo que hai equipos con moitos problemas e aínda non está claro como van ser as cousas a próxima tempada. No caso de brindarnos esta posibilidade, eu contémploa, sempre que sexa viable economicamente e teñamos tempo para facer un proxecto para Honra. O que non faríamos sería saír nesa categoría para arrastrarnos pola mesma.

-¿Teñen avanzado o proxecto deportivo do vindeiro ano?

-De momento non se tratou o tema, xa que estamos máis centrados en cerrar o aspecto económico. De todos os xeitos, todos os xogadores teñen contrato ata o día 30 de xuño e cedo comezarán os contactos, empezando polo adestrador. A partir de aí, decidirase a plantilla en función dos xogadores que teñan contrato e queiran seguir, e da capacidade económica da que dispoñamos.

-Sete homes teñen contrato para a próxima campaña [Revilla, Edu, Purao, Formiga, Israel, Juanpe e Gordillo], ¿a súa continuidade é segura?

-Vaise falar con eles este mes e ofreceráselles racionalizar os seus respectivos salarios á situación económica actual. Cos que cheguemos a un acordo, seguirán.

-Algún xogador, como Israel, xa foi tocado por outros clubs.

-Nós démoslles liberdade para negociar con quen queiran. Hai unhas claúsulas de rescisión, pero entendo que non serán problema se algún xogador non quere continuar, xa que se non está a gusto imaxino que o seu rendemento será peor.

-¿O equipo feminino tamén ten asegurada a súa presenza na División de Honra?

-O único problema co que nos poderíamos atopar sería o económico. Teremos que sentarnos coas institucións para ver que axudas nos poden achegar, xa que o gasto a próxima campaña vai ser moi superior. Mais, a día de hoxe non hai ningún obstáculo para que as rapazas saían a competir en Honra.