En honor da Virxe do Carme

A MARIÑA

Teresa e Cristina pertencen ao grupo de Toxeiro, un dos equipos encargados de confeccionar as alfombras florais que lucirá Burela o sábado que vén

31 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xa queda menos dunha semana para que as rúas de Burela se vistan para recibir á Virxe do Carme. E Teresa Pardo Correa e o resto dos integrantes do grupo de Toxeiro (igual que os do resto de grupos, os do porto, os do Hispano, os de Pachó e os da igrexa) apúranse para ter todo o material listo. Empezaron hai dúas semanas triturando o ciprés, logo das reunións co Concello e con todos os equipos para coordinar o motivo das alfombras deste ano, o segredo mellor gardado estes días en Burela.

Teresa meteuse nisto da man de Ángeles, unha boa amiga: «Nin siquera é de Burela anque vive aquí e é a alma máter do noso grupo. Ela foi quen nos liou a todos». E xa logo vai para 20 anos. «Eu xa estaba antes de que se empezara a facer toda a alfombra dunha peza; cremos que foi hai 16 anos, anque temos algunha dúbida». Ela participaba cando aínda se decoraban as rúas a cachos. Coa experiencia foron aprendendo e gañando práctica, e todo foi mellorando, o deseño e mailos resultados finais.

«Antes pintábase na rúa con cordas e cordóns, case a boleo; agora facemos as plantillas no cartón», conta. Os de Toxeiro confeccionan 132 dos 484 metros de alfombra. Xúntanse todas as tardes e noites -«despois de comer o meu home xa me di 'ata mañá', porque volvo ás 12 da noite para a casa», comenta Teresa-, nun baixo que lles deixaron. Nos preparativos deste equipo interveñen un máximo de 25 persoas. «Eu veño a diario, estou sempre aquí metida», recalca esta burelense, que preside a Asociación de Veciños O Vencello. Andan ás voltas co borrallo do café, que lles proporcionan nas cafeterías do pobo, para perfilar. Sécano, críbano en gárdano en caixas ata o día grande.

Pola Virxe do Carme

Se algo move a Teresa a traballar con tanta dedicación nas alfombras florais é a veneración pola Virxe do Carme. «Sempre sentín unha devoción moi grande, emociónome moitísimo cando sae a procesión e empeza a pisar a flor. E non son eu soa... Estás apura, apura (o sábado do desfile) para que che dea tempo de vela antes de que cha pisen. Acabamos que da pena vernos, cunhas pintas... de estar tirados na rúa todo o día co serrín, imos correndo vela, buscándolle os fallos para correxir o ano que vén... E corres para a casa a ducharte e comer algo á présa. Así que chegan as once da noite son a persona máis feliz do mundo, anque ao día seguinte non me poda mover», relata.

Cristina case non se acorda de cando empezou a ir con súa nai a facer as alfombras, cando aínda apenas tiñan debuxo. Si sabe que dende entón non deixou de participar: «Non perdín nin un ano, nin cando estaba estudiando en Santiago; tampouco perdín as festas nunca, anque algún ano tiven un exame o luns. Estes últimos anos durmo algo porque xa non aguanto, pero antes enlazaba a festa co desaiuno e as alfombras».

Á estela, que insiste en que coma ela hai moitas outras en Burela, gústalle o ambiente que se crea arredor das alfombras: «Cando a ves lista é unha satisfacción, tamén é pola devoción á Virxe do Carme e porque non se perda algo no que levamos traballando moitos anos, que representa un esforzo grande para moita xente, e sobre todo polos maiores, que vaian tendo relevo». Ese é o problema máis acuciante que ve súa nai, a falla de relevo xeracional. «Este ano estou moi orgullosa -asegura Teresa- duns rapaces da asociación Palestina, que están traballando no noso grupo». Porque unha cousa é colaborar o día da procesión, recalca o pao desta historia, e outra facerse cargo dos preparativos. Aí é onde non ve relevo.

Desvelar o segredo

Nai e filla están dispostas a seguir mentres poidan, pola Virxe do Carme, polos amigos que te lían ou pola satisfacción do traballo ben feito. Xa quedan poucos días para descubrir o motivo que debuxarán este ano coas flores (que recollen de xardíns propios e alleos, de Burela e dos concellos de arredor). Houbo anos de cine, de mar, «aquel dos rombos blancos de caolín que se salvaron da chuvia»... O que piden para o vindeiro sábado é que non chova.