«Aprendín a tocar a gaita de oído, con César; el nunca nos deu unha partitura»

A MARIÑA

O músico de Chavín leva trinta anos actuando e ensinando a tocar a gaita, e ten folgos para seguir outros tantos

23 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Mentres os seus amigos seguían de festa, Francisco Javier Pena Louzao, Bossa , botáballe unha man a seu pai e xuntos abrían o bar, o Bossa Nova, para servirlles os cafés e o chocolate con churros aos que voltaban de troula. Así foi durante moitos anos, no tempo da construcción de Alúmina e, ata non hai moito, as fins de semana. O traballo detrais da barra non se lle daba mal, pero logo descubriu que lle tiraba máis a gaita.

«Empecei no colexio (daquela Pastor Díaz), ía entrar na Banda de Música de Viveiro, pero quería tocar a trompeta e había un montón de trompetistas e querían que tocara o bombardino; daquela non me gustaba o bombardino e como había un grupo de gaitas no colexio...», conta. Despois estudiaría solfeo e completaría o grao medio no conservatorio viveirense.

En quinto de EXB, con 11 anos, Bossa e tres compañeiros formaron o cuarteto Os de Sempre. «Ensaiabamos e empezamos a tocar e por aí me comezaron a chamar para dar clases de gaita, primeiro en Cervo, en Airiños do Xunco, con 15 anos. Recordo que me viñan buscar durante uns meses, ata que cumprín os 16 e xa ía na moto. Despois chamáronme do Concello de Mondoñedo e ía a un lado pola mañá e a outro pola tarde».

Xa se vía que os estudos de Delineación non tiñan moito futuro. Aquel mestre gaiteiro tan novo ensinou os segredos do instrumento en Foz, Cangas, Nois, Xove, Espasante... E dirixiu a Escola de Gaitas de Ortigueira dende 1990 ata hai tres ou catro anos, cando acadou a xornada completa no conservatorio de Viveiro, onde traballa como docente dende o curso 1998-1999.

Tres décadas vivindo do aire

Nas máis de tres décadas que este viveirense nado en Chavín (onde, de neno, pasaba os veráns e moitas fins de semana, alternando con Vieiro) leva «vivindo do aire», deulle tempo a todo. Percorreu media Europa con Bágoas da Terra (tocou nos actos do 25 e do 50 aniversario da asociación viveirense e forma parte do grupo folk) e durante anos tocou en cantas festas había pola Mariña, Asturias e Ortegal. Os de Sempre -Bossa, Pablo García, José e Antonio Sánchez, e Martín- andaban de verbena en verbena, dende Covas ata Ribadeo, voltando por Foz, Viveiro, O Naseiro... «¡Cando non iamos ao San Ramón de Vilalba!».

Os de Sempre pervive, anque dos fundadores só resiste Bossa -«Martín (outro dos iniciadores) toca algunha vez con nós», asegura-. Agora chámase Brisas do Landro e está composto por Rodrigo, Juan, Ismael e el. O cuarteto pasa o verán de ruada; actúan nas patronais de Covas, Celeiro, Naseiro... Pero xa non van de xira porque o traballo non llelo permite. «Temos actuado en León, en Santander..., hai pouco estivemos nunha boda en Madrid. Coa Escola de Gaitas de Ortigueira tamén visitamos moitos sitios», relata.

O mestre de gaita zapateiro

Bossa compaxina o ensino no conservatorio viveirense, para nenos e tamén na aula de adultos, coas clases de gaita na Agrupación Cultural O Feitizo, de Foz; Penalba, de Celeiro; e As Saíñas, de Xove. En Airiños do Xunco botou máis de 26 anos. El aprendeu de oído, con César Bermúdez, «un crack». «Nunca nos deu unha partitura. Anos despois Martín e eu quedamos no paro e asistimos a un curso de Comisións Obreiras de reparador de calzado, que daba César... Amañei zapatos de todos os membros da Escola de Gaitas de Ortigueira, porque os levabamos para practicar».

Ao gaiteiro de Chavín, afincado en San Cibrao, gústalle moito compartir o tempo libre coa súa filla, Laura, de nove anos. Ela empezou a tocar sen máis, aos sete, e «faino bastante ben», asevera o pai. Xuntos ensaian, coa flauta rectificada, para non molestar aos veciños; e actúan nas festas de cumpreanos e noutras celebracións familiares. Da muller, Manoli, recoñece «o bo oído e as cualidades para a música» e comenta que o seu é o bombo. El disfruta coa música, de calquer estilo. Na casa ten catro gaitas, unha de 1.800 euros, das máis caras; ten instrumentos firmados por Seivane e por Gil, os dous artesáns máis recoñecidos. «As dúas soan moi ben, as de Gil teñen máis forza, máis timbre; e as de Seivane son moi boas en afinación». Xa que as cousas se lle deron ben e a vida lle permitiu dedicarse profesionalmente á súa paixón, a gaita, recalca que non pensa deixala nunca.

Unha cea con Ignacio

A outra afección son as motos. «Teño unha Kawasaki de 650, regalouma un amigo, Ignacio... Aínda teño que invitalo a unha cea». E pasear coa cativa. De neno recorda que vivía no bar e saía a xogar á praza Maior. El era dos da panda da praza, que batallaba cos da Zapatería ou cos de San Francisco. Para a fotografía elixeu a igrexa de Chavín, porque naceu alí ao pé, anque despois se mudou coa familia a outra vivenda próxima. Alí ten as súas referencias e alí garda o recordo de seus avós, Daniel e Avelina. Na conversa volta a Chavín a miúdo: «Alí me bauticei, casei e bauticei á miña filla». E quen sabe se de alí lle veñen a afección pola música e a arte coa que toca a gaita galega.