A unidade burelense pon en marcha un novo programa relacionado co consumo e a conducción
24 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Dende novembro do ano pasado a educadora social Ana Seijas Vispo (Burela, 1979) forma parte do equipo de prevención da Unidade de Drogodependencias comarcal situada en Burela, equipo que comeza un novo programa, Cambio de sentido, coas autoescolas mariñáns, no que ela e a súa compañeira Paloma López-Leytón darán unha serie de charlas aos novos condutores sobre como afecta o consumo de drogas á condución.
-Outra parte importante do traballo deste equipo faise cos máis novos, ¿como reaccionan nas charlas?
-Os adolescentes son os nosos destinatarios máis amplos. Consideran que é necesaria a prevención de drogodependencias e a información. Nos atopamos que teñen moita información errónea, quédanse coa que lle dan outros compañeiros, ou ven na televisión ou en internet, e quédanse coa parte que lles interesa.
-¿Empézanse a probar drogas cada vez máis cedo?
-Cada vez se empeza a consumir antes. E nos últimos anos aumentou nas rapazas, nas cidades as idades de inicio están entre os 12 e 18. Hai un estudo feito pola Xunta que di que hai máis rapazas que consumen tabaco e tamén alcohol que rapaces.
-Fala dos ámbitos urbanos, pero o modelo que se segue na Mariña, ¿é parecido?
-Si.
-¿Que drogas non ven tan nocivas como deberían?, ¿que dúbidas soen ter?
-Seguen sen considerar que o alcohol sexa unha droga, incluso a consideran «menos mala» que outras. Nas charlas soen mostrar bastante interese polas drogas novas, que están «de moda», as de síntese, pero non teñen tanta información delas. Son drogas de composición química, e aí está o gran risco. Dúas se poden chamar igual pero os seus efectos ser diferentes. Son moi perigosas nese sentido. E aí teñen dúbidas. Tamén as teñen en todo o relacionado coa lei, pensan que se te pillan con droga pero alegas que é para consumo propio non te multan. Lles dicimos que non é certo. Tamén lles preocupan os efectos, dalgunha droga xa os coñecen, como do alcohol ou tabaco ligados ao cancro. Outra opinión, sobre o cannabis, é que non é tan prexudicial coma outras drogas, algúns pensan que «é mellor» fumarse un porro que unha caxatiña ao día pero habitualmente se consume mesturado con tabaco. Tamén se pensa do alcohol que se pillas unha borracheira non tes por que ter adicción. A realidade é que o tabaco, o cannabis e o alcohol son as drogas de inicio e é moi raro que algúen consuma cocaína sen ter consumido algunha desas tres.
-Tamén traballan con eles a transmisión do VIH-Sida.
-Se inclúe nas charlas, pero falamos do VIH en relación coas drogas, de cando se transmite. Educación sexual lévana no Centro Quérote.
-¿E charlas para os pais?
-Cada vez nos piden máis nas Apas. Tamén colaboramos co programa Preescolar na Casa. Falámoslles da importancia da comunicación no fogar, de poñer normas e límites dende pequenos, como tratar os temas cando lles preguntan, como o fillo empeza a consumir, signos... É complicado velos porque cando empeza o consumo soe ser na adolescencia e a veces se confunden os síntomas cos desa etapa.
-E agora un novo programa, «Cambio de sentido». Precisamente no tema do alcohol se leis se endureceron.
-Vai sobre o alcohol e outro tipo de drogas, de como afectan á condución. Hoxe podemos medir máis ou menos canto damos no alcoholímetro con certa cantidade de alcohol pero é tamén interesante que se fale da medicación, da mestura entre o alcohol e esta, ou outro tipo de drogas como o cannabis. Se ve agora que moita xente non consume tanto alcohol nos fines de semana se conduce pero ao mellor si outro tipo de drogas. A xente so se centra no alcohol, porque é onde te poden pillar, e o control do consumo de outras substancias non se leva a cabo aínda (hai experimentos en Cataluña). Moita xente non sabe como lles afecta a cocaína, hachís ou a marihuana á hora de conducir.