«Un home ás 8 pode xa tomar uns viños, unha muller non»

A MARIÑA

O primeiro Plan de Igualdade en Foz pretende iso, facilitar a vida asociativa ás mulleres

11 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous temas que están en plena actualidade estes días son os que leva a delegación de Servizos Sociais e Muller en Foz, cuxa encargada é Rosa Alonso (Vilaronte-Foz, 1967). Falamos do I Plan de Igualdade do Concello de Foz e do roupeiro municipal, que abriu no día de onte.

-É un plan moi extenso.

-Ten moitos puntos que nos parecían interesantes e outro dos seus obxectivos é a creación do consello local da igualdade. Estará vixente ata o 2012 porque non queriamos alongalo máis en función do tempo en que vamos a estar gobernando, pois non se sabe que vai pasar despois, e penso que é un tempo prudente para levar a cabo o plan.

-Exemplos dalgúns puntos nos que hai que incidir.

-No tema do asociacionismo, vemos que a excepción das asociacións de mulleres, no resto e en case todas o presidente é un home. Queremos que a muller se sinta partícipe da vida do concello e teña iniciativas propias. O fundamental é iso, que a través do concello, como institución, facilitemos a vida á muller, que poida acudir, por exemplo, a unha obra de teatro. Soen ser ás oito da tarde pero moitas delas teñen nenos pequenos e teñen que duchalos ou darlles a cena a esas horas. Faise todo pensando na xente que traballa, si, pero un home ás oito da tarde se quere tomar uns viños ou tomar un café pode e a muller moitas veces non.

-... que a muller consiga ter o seu espazo, ¿non?

-O seu espazo individual ou colectivo. E intentar mellorar noutras cousas do día a día a través do concello. Por exemplo, intentar que non haxa escalóns cando as mulleres teñen que tirar do carro da compra ou lugares sen punto de luz por onde soen atallar... O plan conleva moitos puntos, é moi amplo.

-¿Incide tamén noutros colectivos da poboación?

-No dos homes e adolescentes. A través das anpas se chega tamén aos escolares para que se lles fale nunha linguaxe non sexista. As rúas en Foz, por exemplo... hai máis con nome de home que de muller. Que nos sintamos iguais é o obxectivo deste plan. E traballar tamén a través do xogo cos pequenos. Agora nos colexios pasa menos pero nos meus anos de nena as nenas xogaban ás cociñas e os nenos cos coches(...) Teño 41 anos e xa choveu dende aquela. Hoxe nas garderías eles tamén xogan coas cociñas, ¿por que non?

-Levar a cabo todo o proxecto é bastante traballo.

-Sabemos que van quedar cousas pendentes pero tamén hai moito traballo feito. Dende a miña delegación xa fixemos talleres de cociña para homes ou resolución de conflitos para xovenes.

-Cambiando de tema, onte abriu o roupeiro... ¿Aumentou a demanda por parte de familias necesitadas?

-Xa me preguntaron máis veces se influira a crise e teño que dicir que, de momento, non... para nada. A demanda é igual que antes, non vin ningunha avalancha. Si que estamos desbordados de roupa, temos moitísima... A xente antes tiña que tirar roupa ao lixo pero agora ve que pode servir para que alguén a aproveite. No supermercado me preguntaban estes días cando podían levar a roupa (mércores e venres pola tarde de cinco a sete ou chamando aos teléfonos 627 474 775 e 982 133 566) A xente agradece esta alternativa. Do que máis temos é roupa de bebé e neno. Ao ser un período moi corto cando a usan, medran moi rápido e queda nova. Tamén temos de dona e cabaleiro. Zapatos menos, porque aproveitamos o que vén novo. Teño unha carta para enviar aos comercios de Foz de calzado e roupa, para que o que teñen fora de temporada que lles ocupa ou tirarían ao lixo nolo fagan chegar a este roupeiro. En canto á xente que a necesita, a través da delegación de Servizos Sociais, nos derivan tal familia con tal problema. Isto xa se facía antes, pero agora temos ben colocada a roupa, nun espazo amplo, e poden probala. A idea do roupeiro téñoa de fai moitos anos. Unha das asociacións de mulleres de Foz deume a oportunidade de usar un local. Estoulle moi agradecida.