Hai seres que cargan na maleta, en vez de roupa interior e camisas, pedazos da súa propia carne. Camiñan e perden. Van dun lugar a outro, e perden. Hai quen perdeu un brazo na guerra do amor, e hai os que perderon os ollos. Este, creo, é desa clase de tipos mancos e cegos que, non obstante, posúen dúas mans e visión perfecta. Coa man escribe en todas partes unha frase que ninguén entende. Cos ollos só ve os ollos dela. Leva un rotulador con el e viaxa polo mundo anotando a mesma expresión absurda en todos os lugares: nos panos de mesa dos restaurantes, nos lavabos, nas estación de tren ou de metro, nos aeroportos onde a palabra cancelado é a máis común de todas as palabras. El, a quen un psiquiatra definiu como compulsivo, escribe: «a propósito» e un garabato con forma de corazón. Eu vin a súa letra en cristal, madeira, azulexos. Encontreime con el nunha estación de tren con sabor a despedida. Hai individuos que cando marcha o tren ven marchar os soños (sacan un clínex e póñense a chorar). E hainos, como Penélope, que esperan que baixe do tren o Ulises que non regresa. Encontreino. Pregunteille por qué. El contoume a súa historia. Era un deses homes que levan as feridas como se fosen unha caixa de tabaco: para fumalas a diario. Contoume que ela dixo que chamaría. E non chamou. Pasaron días e pensou morrer de pena. Non comía e, como na canción, no más se le iba en puro tomar. Os amigos víano triste, o médico prescribiu antidepresivos. Cando se encontrou con ela, anos despois do fracaso, preguntou: «¿Por que non chamaches?». Ela dixo: «Lo hice a propósito». Para que doera. Para facelo sufrir. Deshauciado, comprou un rotulador e fixo a maleta para non volver. Para non vela, oíla, sentir os seus pasos. Perturbado definitivamente, el, escribe unha expresión absurda e debuxa un garabato con forma de corazón. A propósito... para seguir respirando.