«Hoxe a oferta educativa de FP é máis que suficiente na Mariña»

A MARIÑA

Máis de 17.000 alumnos pasaron polo instituto focense nos últimos 29 anos, o mesmo período que Rodríguez leva sendo director dun centro con cen traballadores

14 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nemesio Rodríguez Rodríguez (Santa Cruz-Sober, 1947) suma 29 anos como director, entre a súa etapa como responsable de Formación Profesional en Foz e, posteriormente, do IES da mesma localidade. Chegou a Foz no 1978 para incorporarse a unha sección de FP que dependía do IES de Viveiro -hoxe María Sarmiento- e levouse unha gran decepción: «Cando cheguei, parte das aulas estaban no colexio Martínez Otero e outras no consistorio. Xa había un ano que funcionaba o instituto de Bacharelato, no que hoxe é a Casa da Cultura». Rodríguez viviu en directo a progresiva creación dos distintos edificios que hoxe integran o complexo educativo -Bacharelato, FP, Hostalería, ESO, comedores, pavillón polideportivo... - e as últimas reformas, entre as que se inclúe o cambio da biblioteca, unha obra que será inaugurada proximamente. Compaxina a tarefa de director coa de profesor de Tecnoloxía.

-Viviu como director a etapa anterior e posterior á unificación dos centros ...

-O de FP chamábase IES O Centiño e o de Bacharelato IES de Vilaxoane. A consellería sacou dun prumazo ambos para crear en Foz un instituto, o IES de Foz, hai dez anos. Desde ese momento fun nomeado director de todo o complexo, que é nestes momentos un dos centros máis grandes da provincia. Temos instalacións que ocupan 9.964 metros cadrados de superficie útil, que non quere dicir que sexa o que más alumnos ten. Cando se unificaron os centros tivemos que optimizar os recursos, unificar os laboratorios, etcétera. -As dimensións do centro ¿obríganlles a funcionar de forma distinta? -Impartimos estudos de secundaria, Bacharelato, ciclos medios de Cociña, Comercio e de Servizos e ciclos superiores de Restauración e de Informática. A parte temos a educación para adultos (con Bacharelato e un ciclo medio de Cociña) e a UNED. Tamén funcionou dentro do instituto a escola oficial de idiomas. O ter este complexo permitiunos solucionar algúns problemas. Por exemplo, pasamos aos alumnos de primeiro e segundo curso de secundaria para a pranta de arriba, para telos máis controlados, e deixamos aos de terceiro e cuarto no edificio de Bacharelato. Os recursos están aproveitados ao máximo. A fusión dos dous centros danos máis traballo ao equipo directivo, pero foi importante para o propio centro. Ata creo que é máis sinxelo facerlle entender ás autoridades educativas a necesidade dun servizo. Ademais, temos moitas actividades, como intercambios internacionais. Dentro duns días sae un grupo cara a Francia. -¿Cantos alumnos pasaron desde que é director? -Uns 17.400, tomando de media uns 600 alumnos por curso. -¿Cales foron os principais cambios? -As instalacións non teñen comparación, tampouco o equipamento dos edificios, en todos os habitáculos hai conexión a Internet. O avance foi impresionante. -Teñen alumnos de toda Galicia.. -Para hostalería veñen ata de El Bierzo, Vilalba e Vigo. Hai poucos centros en Galicia coa especialidade de cociña.

-¿Solicitaron máis ciclos?

-A decisión tómaa a consellería. Non pode ser que cada centro queiramos ter oito ciclos con tres alumnos. Hoxe en día a oferta educativa en canto á Formación Profesional é máis que suficiente na Mariña. (..) -¿Existe interacción coa Consellería de Educación? -Como membro da xunta provincial e tamén da autonómica represento, xunto co director de Monforte, aos directores da provincia. Somos os encargados de facerlle chegar á consellería en varias reunións todas as necesidades que nos comentan os nosos colegas.