16 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O mileurismo é unha filosofía utópica. Os utopistas déronlle a esta disciplina páxinas gloriosas de alta literatura. Pero quedaron aí: flotando na Nada. A Nada é a economía familiar, que declina mentres o zapaterismo asegura que España, como no azanarato, va bien. A xente nova escapa de Galicia en procura da súa Ítaca particular: queren ser, polo menos, mileuristas. Aquí non resulta fácil acadar tal categoría. Miren, no interior lucense e ourensán, os que ganan mil euros ao mes non son todos. Coñezo mulleres que traballan dez horas por cincocentos mensuais. E individuos colgados nun andamio que non chegan ao mileurismo mínimo. Aquí, na Galicia interior, a opción de futuro é matricularse en Gran Hermano . Paula, ourensá con ansias de superarse, aparece espida na portada dunha revista de alta capacidade física. O seu mérito foi ser aceptada no programa máis deletéreo (ou sexa, velenoso) da televisión patria: Gran Hermano . Teño máis calificativos para este lixo televisivo, pero como son un tipo educado opto polo silencio. Paula xa non será mileurista. Ela, grazas ao seu físico con prezo incorporado, conseguiu o éxito. Superará con creces aos seus colegas de xeración. Coñezo moitos emigrados nas Canarias dende a época frutífera de Fraga (Galicia también iba bien). E coñezo algúns que seguen a emigrar porque aquí, se es novo, emigras a Canarias ou ás prazas do botellón. Paula non será mileurista. Nin cobrará a metade dos mil euros que cobran moitos currantes do interior, que tamén existe. Hoxe golpeo as teclas procurando outras utopías. Outras que nos fagan máis felices. Busco corpos sen prezo. Busco un lugar para perderme con todos os novos que non queren ser mileuristas nin entrar en Gran Hermano . Non faremos botellón. Pero pintaremos con rebeldía o presente. Para non flotar na Nada: como unha portada de revista. Simplemente, Paula.